"Comprar Groenlandia": Unha das prioridades en política exterior de Trump
A pesar de que múltiples persoas expertas especulaban con que as intencións declaradas do presidente electo estadounidense, Donald Trump, de facerse con Grenlandia –así como co Canadá ou o Canal de Panamá– forman parte dunha estratexia negociadora noutras frontes, tres fontes citadas a quinta feira pola axencia Reuters corroboraron que vai “en serio”, despois de que esta semana rexeitara descartar o uso da forza militar ou da coerción económica para conseguila.
Unha delas detallou que revisou unha lista de prioridades no ámbito da política exterior durante o seu segundo mandato, que comeza o 20 de xaneiro, e que nela se mencionaba “comprar Grenlandia”. Outra narrou como “fala moito” de como a “expansión” do país é o “verdadeiro legado”, despois de que ampliara o seu territorio colonizando terras indíxenas no continente ou Hawai fóra del, roubando áreas de México ou comprando Alaska.
Así e todo, Kaja Kallas, alta representante de Exterior da Unión Europea (UE), á que pertence Dinamarca, que aínda ostenta a soberanía de Grenlandia, rexeitou a quinta abordar o asunto nunha entrevista co xornal Le Monde, insistindo en que os “Estados Unidos seguen a ser o noso grande aliado”. Horas despois, limitouse a pedir respecto “pola integridade territorial e a soberanía de Grenlandia”, que “forma parte de Dinamarca”, que tamén é integrante da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), controlada por Washington.
Pola súa parte, Dinamarca non quixo levar o tema nin á UE nin á OTAN, e transmite que as relacións cos Estados Unidos son boas e que saberán como xestionar Trump.
En paralelo, a primeira ministra de extrema dereita italiana, Giorgia Meloni, quitoulle ferro asegurando que “xa vimos como é Trump como presidente”, e negou que vaia tomar a illa “pola forza”.
Nese sentido, a Comisión Europea tampouco quixo abordar o asunto, aseverando que é un escenario “moi hipotético” ante as preguntas das e dos xornalistas, que lembraban que se trata dunha “ameaza militar”, cuestionando se están a agardar que os militares estadounidenses “desembarquen en Grenlandia”. Apenas Francia pediu publicamente "máxima firmeza" contra as "inxerencias" estranxeiras, instando á defensa das "fronteiras soberanas".
Un dos membros do equipo de Trump, o propietario de X, antes Twitter, Elon Musk, tamén está a inxerir en países aliados de Washington como Alemaña e o Reino Unido, onde o Financial Times reporta que estuda como depor o primeiro ministro laborista Keir Starmer.