O comezo da fin da guerra máis longa dos EUA
A intervención armada dos Estados Unidos en Afganistán iniciouse en 2001. Foi a resposta do daquela presidente, George W. Bush, aos ataques que o país sufriu o 11 de setembro dese ano levados a cabo con avións comerciais secuestrados. A Administración Bush culpou Osama bin Laden de ser o artífice deses ataques e os talibáns ─o movemento que gobernaba entón e desde 1996 o Afganistán─ de lle dar acubillo a el e á súa organización, Al Qaeda.
Case dúas décadas despois, Washington asinou un acordo cos talibáns que podería supor o principio do fin da guerra máis longa na historia dos EUA. Para o Afganistán, porén, o conflito ten visos de continuar. O país leva máis de 40 anos en guerra continuada desde a Revolución de Saur, en abril de 1978, e a posterior invasión da URSS, en decembro do ano seguinte. Arredor de 80% da poboación nacida durante este período descoñece o que é vivir en paz.
O Goberno afgán non participou das conversas nin do acordo, mais está previsto que manteña negociacións cos talibáns. O presidente Ashraf Ghani, que na segunda feira inaugurou un novo mandato, mostrárase publicamente contrario á liberación de presos desta facción político-militar fundamentalista islámica sunnita, mais as últimas informacións sinalan que houbo un cambio de postura.
A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.