Cinco meses de Bolsonaro
Após cinco meses de presidencia de Jair Bolsonaro, as interrogantes e as contradicións do goberno brasileiro non deixan de medrar. Tampouco o fan as súas tensións internas. Paralelamente, a oposición e a esquerda teñen decidido reaccionar a través da mobilización social: avecíñanse uns meses quentes nas rúas do xigante suramericano. Eis un extracto da análise publicada no número 348 do semanario Sermos Galiza en papel.
Si podemos constatar unha mudanza moi importante na actitude da oposición, que tras meses de parálise semella tomar a iniciativa, saíndo á rúa e organizando multitude de mobilizacións contrarias ás propostas gobernamentais, mobilizacións que en participación están por riba das de 2015 e 2016, cando protestaban contra o goberno de Dilma Rousseff e foron un elemento moi importante na xustificación do impeachment (golpe de estado institucional) que a derrocou o 31 de agosto de 2016. Isto supón ademais un cambio importante de tendencia, despois de anos en que as rúas estaban ocupadas case exclusivamente por unha dereita que adoptou e empregou de xeito moi intelixente unha estratexia mobilizadora considerada patrimonio das organizacións políticas, sociais e sindicais da esquerda.
O 15 de maio houbo unha mobilización nacional en defensa da educación con grandes manifestacións en máis de 200 municipios de todo o país; para o vindeiro 14 de xuño hai prevista unha folga xeral convocada polas dez centrais sindicais brasileiras en contra da proposta de modificar as condicións de xubilación. E hoxe hai prevista unha nova mobilización en defensa do ensino.
Todos os ataques que, desde antes mesmo de tomar posesión, lanzou contra a educación Bolsonaro tiñan un claro contido ideolóxico, acusando o profesorado de fomentar o comunismo entre os estudantes, chamándoos a denunciar aos primeiros; propoñendo a eliminación das referencias á ditadura de 1964 nos libros para considerala unha acción necesaria para salvar o país; propoñendo a eliminación da Filosofía e da Socioloxía dos plans de estudos; defendendo que aos nenos e nenas hai que lles ensinar “respecto, disciplina, amor á patria, lectura, escrita e facer contas”, e o anuncio de recortes dun 30% no financiamento das universidades. Todo iso uniu a toda a comunidade educativa.
De saír adiante, a proposta de reforma da xubilación suporía a desaparición da posibilidade de xubilarse para a inmensa maioría dos brasileiros e brasileiras.
[Podes ler a peza íntegra no número 348 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]