A China promete "loitar até o final" contra os aranceis coercitivos dos Estados Unidos
Unha semana máis tarde de declarar os Estados Unidos unha guerra comercial ao resto do mundo para forzalo a que adquira máis produtos do país americano, as tensións coa China, o único país que se enfrontou polo de agora a Washington, semella que están a alcanzar un punto de non retorno, con Beijing advertindo a terza feira que “loitará até o final” e seguirá respondendo con represalias ás accións estadounidenses.
Horas antes, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, ameazara con impor un arancel de importación de 50% adicional aos produtos chineses se antes da terza a China non retiraba a última contramedida, centrada nun gravame de 34% ás mercadorías de Washington, a mesma porcentaxe imposta na última rolda de medidas coercitivas do país aos seus bens, que entraría en vigor a cuarta –a represalia chinesa farao un día máis tarde–, que se engade ao 20% adicional que xa aprobara Trump desde a súa volta á Casa Branca o 20 de xaneiro, ao que tamén contestou o Estado asiático.
A última ameaza dos Estados Unidos “é un erro tras outro e expón unha vez máis a natureza chantaxista” do país, e “a China xamais o aceptará”, ratificou nun comunicado o Ministerio de Comercio chinés, ao que engadiu Lin Jian, voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores, que os actos de Washington “non reflicten unha disposición a un diálogo sincero, se os Estados Unidos realmente desexan dialogar deberían adoptar unha actitude de igualdade, respecto e beneficio mutuo”.
Jian tamén cualificou de “ignorantes” as palabras do vicepresidente estadounidense James David Vance, que chegou a afirmar que “collemos diñeiro prestado da plebe chinesa para comprar cousas fabricadas por esa plebe”.
Nun primeiro momento, “a China optou por manter certa cortesía para evitar unha escalada excesiva” cando Trump anunciou os primeiros aranceis adicionais ao país, nun conflito comercial bilateral que xa desatou no seu primeiro mandato, con medidas que logo intensificou o seu sucesor e predecesor na Presidencia, Joe Biden, mais isto rematou, detallou Mao Zhenhua, co director do Instituto de Investigación Económica da Universidade Renmin. “Prepárense para o impacto”, advertiu.
A Casa Branca reafirmou a entrada en vigor a cuarta feira do arancel adicional de 50% canda o de 34%, que achegaría a China a un punto no que xa non terá “nada que perder” nas súas medidas contra Washington, revelaron economistas citados polo xornal South China Morning Post, por mor de que o marxe de beneficio do sector exportador do país está en arredor de 30%-40%.
"Trátase de ver quen aguanta máis"
Un asesor político chinés transmitiu á vez á axencia Reuters que “quen se renda primeiro converterase en vítima”, nunha disputa na que, incidiu, “trátase de ver quen aguanta máis”.
Scott Bessent, secretario do Tesouro dos Estados Unidos, definiu como un “erro” as represalias chinesas, insistindo en que ten unha “man perdedora” posto que “exportámoslles unha quinta parte do que eles nos exportan”. Sexa como for, os datos do Departamento de Comercio do país indican que a relación é de tres a un, con 402.000 millóns de euros de importacións de Washington a Beijing en 2024 e 132.000 millóns de euros en sentido contrario.
O certo é que os aranceis de Trump “afectarán inevitabelmente á economía chinesa a curto prazo”, admite o diario público chinés Global Times, no contexto do alto volume de exportacións que concentra o país americano, 16,2% do total, e das dificultades para redirixir eses produtos a outros destinos ou ao interior do país, nunha situación na que, non obstante, as "empresas e consumidores" chineses “sentirán a dor dos aranceis moito menos que os estadounidenses”, recoñeceu a axencia dos Estados Unidos Bloomberg, que sentenciou que “a China xa protexeu a súa economía da guerra comercial”.
En paralelo, e despois de perder seis billóns de euros as bolsas estadounidenses desde o anuncio dos aranceis, causando caídas masivas nas bolsas arredor do mundo, que a terza comezaron a repuntar timidamente, tanto as multinacionais privadas como as protestas da fin de semana coincidiron nas súas críticas ás políticas de Trump, e Larry Fink, director executivo do fondo de investimento privado máis grande do mundo, o estadounidense BlackRock, asegurou que a meirande parte dos colegas cos que falou “pensan que os Estados Unidos están en recesión”, e até o seu aliado Elon Musk pediulle que reconsidere os aranceis.
Neste marco, “creo que a capacidade de Trump para enfrontarse politicamente á China non é moi boa”, asegurou Zhiwu Chen, profesor de Finanzas da Escola de Negocios de Hong Kong.
No tocante aos aranceis á China na primeira etapa de Trump, “acabaron pagándoos case totalmente os Estados Unidos”, indicou Giacomo Ponzetto, do Centro de Investigación de Economía Internacional da Universitat Pompeu Fabra, debullando que o prezo das exportacións chinesas non baixou “seguramente posto que eran xa produtos moi competitivos e non había marxe”, mais si se reduciron os prezos das exportacións estadounidenses por ser “produtos menos diferenciados, sobre todo agrícolas”.
A UE achégase agora a Beijing
Despois de, seguindo a posición marcada polos Estados Unidos, reiterar a necesidade de acabar coa dependencia comercial da China, a Unión Europea (UE) pide agora colaboración ao país asiático para afrontar os aranceis de Washington, facendo énfase na responsabilidade de Beijing e Bruxelas de “apoiar un sistema comercial forte e reformado, libre, xusto e baseado na igualdade de condicións”, apuntou a terza feira un comunicado do Executivo da UE após a chamada telefónica entre a súa presidenta, Ursula von der Leyen, e o primeiro ministro chinés, Li Qiang.
Ao tempo, e logo das represalias chinesas contra as medidas estadounidenses, demandoulle “unha solución negociada para a situación actual, subliñando a necesidade de evitar unha escalada maior”.
Von der Leyen aposta por negociar con Washington en primeiro lugar, mais Bruxelas xa anunciou unha primeira resposta de baixo nivel a partir do 15 de abril, con gravames entre 10% e 25% a produtos estadounidenses como millo doce, arroz, puros, cigarros, aceites esenciais, calzado ou algúns mobles, cedendo xa ás ameazas de Trump ao eliminar o bourbon e o viño da listaxe, logo de que o mandatario avisara que medidas contra eses produtos desencadearían un arancel de 200% ás bebidas alcohólicas do bloque comunitario.
A proposta será votada a cuarta feira polos membros, e a semana que vén será a quenda para as contramedidas polos aranceis estadounidenses de 25% ás importacións de aceiro, aluminio, coches ou os seus compoñentes.
Ademais, Olof Gill, voceiro de Comercio da Comisión Europea, adiantou que “a comezos da próxima semana” será presentada a proposta de medidas para unha segunda fase de represalias que entraría en vigor o 16 de maio no caso de non producirse negociacións co país americano.
Na UE, a meirande parte de cuxos membros tamén pertence á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar controlada polos Estados Unidos, segue sen haber consenso no volume da resposta, cunha parte relevante defendendo unha política de acougamento con Trump, como amosa o debate sobre os servizos tecnolóxicos, no que as multinacionais privadas estadounidenses teñen a primacía en boa parte do mundo.
Mentres que Bruxelas conta cun superávit comercial de bens en relación a Washington (de 157.000 millóns de euros en 2023), ten déficit no referente aos servizos (109.000 millóns de euros ese ano), polo que Francia, Alemaña e Austria presionan para atacar directamente este ámbito nas contramedidas, e os dous primeiros reclamaron activar un mecanismo que permitiría limitar o comercio de servizos ou restrinxir a participación de empresas estadounidenses en licitacións públicas.
Do outro lado está Irlanda, moi dependente do investimento estadounidense, en particular no sector tecnolóxico e farmacéutico, ao ofrecerlle condicións fiscais moi vantaxosas, que insiste en que hai que “reducir a tensión”, algo apoiado polo Estado español e Italia.
En última instancia, un diplomático da UE transmitiu á canle France24 que están a agardar para acabar de perfilar a resposta á reacción dos Estados Unidos contra a China por non ceder ás súas ameazas.
No medio de todo isto, as empresas farmacéuticas privadas na UE tratan de sacar rédito da situación, e advertiron a von der Leyen que ou incrementa a desregulación e favorece o seu control (a pesar das axudas públicas) da propiedade intelectual dos produtos ou acelerarán o seu traslado a Washington.