O Exército chinés mata tres soldados indios na raia do Himalaia

É o primeiro incidente fronteirizo con vítimas mortais dos últimos 45 anos entre os dous xigantes asiáticos.
EuropaPress_2422195_11_october_2019_india_mamallapuram_indian_prime_minister_narendra_modi_and
photo_camera Os mandatarios da India e da China, Modi e Xi, en outubro de 2019 na cidade india de Mamallapuram (dpa)

Tres militares indios, entre estes un oficial, morreron na segunda feira pola noite nunha violenta pelexa, sen armas de fogo, con soldados chineses na fronteira común no Himalaia. É o primeiro incidente fronteirizo con mortos dos últimos 45 anos entre as dúas potencias rexionais, e prodúcese no medio da escalada de tensión das últimas semanas.

Os feitos producíronse na zona do val de Galwan e durante o enfrontamento non houbo disparos, senón que os soldados se pelexaron con barras e pedras, como xa acontecera a principios de maio, con feridos de ambos os bandos naquela altura.

Os dous países enfrontáronse nunha breve guerra pola demarcación fronteiriza en 1962. En 1975, faleceron catro soldados indios nun ataque chinés contra unha patrulla en Arunachal Pradesh, no último incidente fronteirizo con vítimas mortais entre os dous xigantes asiáticos.

"Durante o proceso de distensión en curso no val de Galwan, onte pola noite produciuse un violento enfrontamento con vítimas mortais de ambos os lados", indicou o Exército indio nun comunicado recollido polos medios locais. "A perda de vidas do lado indio inclúe un oficial e dous soldados", precisou.

Segundo o Exército indio, "oficiais militares das dúas partes están actualmente reunidos no lugar para intentar rebaixar a tensión". De acordo coa axencia ANI, o ministro de Defensa indio, Rajnath Singh, reuniuse co xefe do Estado Maior, o xeneral Bipin Rawat, así como con outros altos cargos militares e co ministro de Exteriores, Subrahmanyam Jaishankar.

"Sen mortos chineses"

Pola súa banda, o portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Zhao Lijian, denunciou que as forzas indias cruzaran a fronteira para "actividades ilegais" e lanzaran ataques "provocativos" contra os soldados chineses.

En declaracións recollidas polo diario estatal Global Times, Zhao denunciou que pese á estreita comunicación diplomática e por canles militares entre os dous países, os soldados indios cruzaron en dúas ocasións a fronteira, desencadeando "un violento enfrontamento físico" con soldados chineses, aínda que non ofreceu ningún balance de feridos ou de falecidos do lado chinés.

Beijing trasladou unha "firme protesta" a Nova Delhi, reclamando que as súas tropas despregadas na fronteira respecten o consenso alcanzado e que non crucen a raia nin fagan ningún movemento unilateral que poida complicar a situación, precisou Zhao, que lembrou que acordaran resolver as cuestións bilaterais mediante o diálogo.

Comentarios