A China descarta que programe enviar soldados a territorio ucraíno
Guo Jiakun, voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores da China, ratificou a segunda feira que “non é certa” a información do xornal alemán Die Welt, que reportou que representantes diplomáticos de países da Unión Europea (UE) trasladaron que Beijing comunicou a súa disposición a enviar soldados como parte das garantías de seguridade a Ucraína.
“A postura da China sobre a crise de Ucraína é coherente é clara”, reiterou Guo.
Con anterioridade, o titular do Ministerio, Wang Yi, pormenorizara que avogan por unha “solución política” por medio da negociación, salientando que se debe respectar a soberanía de todos os estados e a Carta da Organización das Nacións Unidas (ONU), así como as preocupacións de seguridade de todas as partes.
Pola súa parte, o titular de Finanzas alemán, Lars Klingbeil, afirmou que seguirán apoiando Ucraína tras chegar ao país, precisamente cando o Gabinete está sumido no debate sobre se participarán nunha eventual despregadura militar, que están a impulsar os membros europeos da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).
Segundo unha enquisa do Instituto Civey isto é rexeitado por 51% da poboación teutoa e apoiado por 36%.
Polo de agora aínda non hai data para unha potencial reunión entre Vladimir Putin, presidente de Rusia, e Volodimir Zelenski, o seu homólogo ucraíno, un punto no que o último repetiu que unha reunión directa “é a forma máis eficaz de avanzar”, logo de tratar de condicionar ese mesmo encontro.
En paralelo, a central nuclear de Kursk (Rusia) indicou o domingo que se produciu un incendio ao impactar nun transformador auxiliar os restos dun drone ucraíno derrubado.