Chile vira á extrema dereita coa vitoria de José Antonio Kast na segunda volta presidencial

José Antonio Kast (Partido Republicano), o 17 de novembro de 2025, após coñecer que clasificou á rolda final das eleccións presidenciais de Chile ao obter a segunda praza tras Jeannette Jara (Unidade por Chile). (Foto: Zhu Yubo / Europa Press / Contacto)

O líder do Partido Republicano, que non se distanciou da ditadura de Pinochet, impúxose con máis do 58% dos votos fronte á candidata da esquerda, Jeannette Jara, nunha elección que confirma o xiro conservador do país.

Chile escolleu este domingo como próximo presidente a José Antonio Kast, líder do Partido Republicano e referente da extrema dereita, que se impuxo na segunda volta das eleccións presidenciais cun 58,1% dos votos, fronte ao 41,8% obtido pola candidata da esquerda, a comunista Jeannette Jara, segundo os resultados co 99% do escrutinio completado. Trátase do peor resultado do progresismo chileno desde o retorno á democracia en 1990.

A vitoria de Kast supón a chegada á presidencia do primeiro dirixente que non tomou distancia da ditadura de Augusto Pinochet (1973-1990) e marca un punto de inflexión na política chilena. O novo presidente sucederá Gabriel Boric, referente dunha nova esquerda que abandonará o cargo con 40 anos, e asumirá o mandato o vindeiro 11 de marzo nun contexto de forte polarización social e política.

Tras confirmarse o triunfo, Kast mantivo unha conversación telefónica cordial con Boric, quen o instou a tender pontes e o advertiu da “soidade do poder”. Pola súa banda, o presidente electo agradeceu o xesto, convidou a unha “transición ordenada” e asegurou que contará coas opinións do mandatario saínte. No seu primeiro mitin, decorrido en Las Condes, Kast adoptou un ton conciliador, recoñeceu “a coraxe” da súa rival e afirmou que “Chile non avanza dividido”.

Jeannette Jara recoñeceu rapidamente a derrota e felicitou Kast, apelando ao respecto polo resultado democrático. Boric, desde o Palacio da Moneda, dirixiuse ao país cunha mensaxe institucional na que chamou o seu sucesor a gobernar con responsabilidade e diálogo.

O triunfo de Kast consolida o xiro conservador iniciado nos últimos anos en Chile e en boa parte de América do Sur. O novo presidente chega ao poder apoiado pola dereita tradicional e polos sectores ultras, cun discurso centrado na orde, a seguridade e a loita contra a delincuencia e a migración irregular.