Chegou o día, o Consello de Ministras aproba a Lei Trans

A ministra de Igualdade, Irene Montero, compareceu ante a prensa após o Consello de Ministras para informar da aprobación da Lei Trans e debullar algúns dos contidos que regula, logo de meses de "difícil" negociación entre os partidos do Goberno de coalición.
EuropaPress_3815115_ministra_igualdad_irene_montero_comparece_reunion_consejo_ministros_moncloa
photo_camera EuropaPress_3815115_ministra_igualdad_irene_montero_comparece_reunion_consejo_ministros_moncloa

A aprobación da Lei Trans, no Consello de Ministras de onte, é para ministra de Igualdade, Irene Montero, unha “mostra” da “fortaleza” do Goberno de coalición PSOE-Podemos e de que cando “hai que negociar” e se producen “debates profundos” que duran “meses”, os socios son capaces de “dialogar” e “cumprir” co pacto de coalición.

Para Montero, que asegurou que a terza feira foi “un día histórico”, compareceu en roda de prensa despois do consello, xunto ao seu homólogo de Xusticia, Juan Carlos Campo, e explicou o contido da norma que recolle os dereitos específicos das persoas trans, e tamén medidas para garantir os do colectivo LGTBI, así como a súa non discriminación.

A titular de Igualdade quixo destacar que a norma recolle a "libre determinación" das persoas trans cun sistema de dupla comparecencia, "sen testemuñas", nin "probas"; así como a súa despatoloxización. Ambas as medidas, sinalan, reclamábaas o colectivo e tamén os principais organismos internacionais para "garantir os dereitos humanos".

O texto inclúe "unha batería importante" en materia de dereitos LGTBI, lexisla "por primeira vez" os dereitos das persoas intersexuais, permite a filiación a parellas de lesbianas ou bisexuais sen casar, o acceso á reprodución asistida a lesbianas e persoas trans con posibilidades de xestar e recolle sancións fronte ás discriminacións a persoas do colectivo, entre outras medidas, apuntou a ministra.

Irene Montero sinalou que se trata dun "bo texto lexislativo" e considera que sitúa a España "á vangarda" europea en materia de dereitos das persoas LGTBI, mais tamén recoñeceu que se trata dunha norma "mellorábel, como toda lei" e, neste sentido, referiuse ao recoñecemento das persoas non binaries ou ás garantías de dereitos para as persoas trans migrantes.

A titular de Igualdade ve posíbel mellorar a norma durante o trámite parlamentario no Congreso e no Senado e, indicou que os grupos terán o "apoio" do Goberno en todo o proceso. Tamén lles lembrou ás formacións das cámaras a “urxencia” que supón pór en marcha esta lei, tendo en conta a “realidade” das persoas trans.

A “longa” negociación

O cambio de posición dos socialistas ante esta lei, especialmente o da vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, crítica coa autodeterminación de xénero, foi unha das principais cuestións que se lle trasladaron a Montero na roda de prensa. Sobre isto, a titular de Igualdade referiu que a negociación foi “longa e difícil”, pero afirmou que nos encontros houbo “moitos máis momentos de acordo” que permitiron chegar até a aprobación final dun texto “que cumpre cos estándares internacionais”.

"Creo que é evidente que foi longa e difícil, pero tamén que deu os seus froitos e por iso digo que demostra a fortaleza do Goberno", declarou, para indicar que as posíbeis diferencias que había non "impediron traballar" na lei.

Arredor da oposición que amosou unha parte do movemento feminista cara a esta lei, a ministra sinalou que, "sempre" que se aproban leis "deste calado", como "o aborto ou o matrimonio igualitario" sempre se xera "debate social" e incluso "oposición", pero, ao seu xuízo, "anos despois ninguén se recoñece en oposición" aos textos porque son medidas que serven para "mellorar a sociedade" e a "vida das persoas".

Comentarios