Centos de persoas marchan en Brest na defensa do bretón na escola

Momento da marcha en Brest. (Foto: Eulan)

En resposta á intención do Goberno francés de reducir as horas de ensino en “linguas rexionais”.

 

Varios centos de persoas, por volta de 2.000 segundo medios bretóns, manifestáronse esta fin de semana en Brest (Bretaña) na defensa da presenza do bretón no ensino. A marcha convocouse en resposta á intención do Ministerio de Educación fracés de reducir o número de horas para o ensino das chamadas "linguas rexionais" no sistema educativo.

Varias organizacións, como Diwan - a rede de escolas de inmersión en bretón – organizacións políticas como UDB, entidades como Bretagne d'Avenir ou a coordenadora de asociacións culturais bretoas Kevre Breizh, convocaron este acto.

En concreto, a reforma introducida polo Goberno de Emmanuel Macron reduce de tres horas por aula e por semana a tres horas por nivel a asignación para o bretón, co fin de asegurar mellor coñecemento do francés. Así, por exemplo, se a escola ten tres aulas por nivel só terían unha hora de bretón por semana. Isto afectaría directamente non só ao coñecemento deste idioma senón tamén á contratación de profesorado

Christian Troadec, alcalde nacionalista bretón de Karaez-Plougêr, unha localidade de 7.000 habitantes no departamento de Fisterra, declarou: "Ante o indescritíbel ataque do ministro J.-M. Blanquer ao sistema de inmersión de Diwan e, polo tanto, á lingua bretoa, só podemos sumarnos á protesta”.