“Unha lingua precisa dos máis novos para avanzar”: Diwan, as escolas en bretón, fan 40 anos

A primeira abriu en maio de 1977 con 5 alumnos. Hoxe son 46 centros por toda Bretaña e máis de 4.260 alumnos.

diwan bretón
photo_camera Imaxe: Diwan

O 23 de maio de 1977, en Gwitalmeze, unha pequena vila mariñeira de pouco máis de 6.000 habitantes, situada no departamento do Fisterre, botaba a andar a primeira escola ‘Diwan’,  unha posta polo ensino con inmersión lingüística en bretón. Era a primeira ‘semente’ – que é o que significa diwan- para frear o progresivo ermo que o bretón tiña entre mocidade e infancia de Breizh. Na actualidade son 46 os centros desta rede de escolas en bretón e o número de alumnos supera os 4.200.

Ademais, desde Diwan teñen claro que sen a posta en andamento deste proxecto (que no seu xurdir tiña un ollo posto na experiencia das ikastolas vascas e outro nas Gaelscoil irlandesas) a administración non acabaría introducindo o ensino bilingüe bretón-francés as escolas públicas e privadas de Breizh (Bretaña).  Máis de 13.000 alumnos aprenden bretón a través deste sistema, cifra que engadir aos máis de 4.000 das ‘diwan’.

“Unha lingua precisa dos máis novos”

O inicio desta rede está nun grupo de persoas comprometidas co idioma. Nunha recente reportaxe de Le Telegramme, unha desas pioneiras, Anna Vari Chapalain, explica que cando tiveron a idea de crear escolas en bretón o primeiro foi mirar o que se facía noutros sitos, como Euskal Herria e Gales. Apostaron polo proxecto “con moitas gañas” malia que, lembra, entre os partidarios do bretón “non todos estaban de acordo con nós, crían que para impulsar unha escola así a lingua debía estar nunha mellor situación”.

Porén, explica Chapalain, “Nós opinabamos o contrario: a lingua precisaba dos máis novos para avanzar”. E iso, superando dificultades materiais, económicas e da propia lexislación francesa. “Loitamos moito tempo pola obtención dun recoñecemento”. En 2001, o Consello de Estado bloqueou o proceso de integración destas escolas apelando a unha lei de 1994 na que se establecía que “o francés é a lingua da educación”. A pesar disto, as Diwan non perden folgos nin enerxía e seguen adiante.

Comentarios