Catalunya, día 6: a rúa en pé de paz até a noite
Miles mobilizáronse na sexta xornada de protestas contra a sentenza e contra a represión das manifestacións. Sucedeu en todas as grandes cidades de Catalunya. Mais o foco estivo de novo en Barcelona, en especial, sobre a concentración que os CDR e a CUP desconvocaron despois dun par de horas. Centos de persoas saíron de novo á rúa. Houbo tensión diante do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, protexido polos Mossos. En paralelo, na praza Urquinaona, manifestantes montaron un cordón humano "cívico e pacífico" para, explicaron, "facer pantalla cos corpos da policía". Cidadáns das entidades civís vinculadas a En Peu de Pau (En Pé de Paz) conseguiron que “a non-violencia” se convertera na ferramenta máis útil da xornada.
Tamén houbo manifestacións en Donostia (42.000 persoas) e en Madrid (4.000 persoas), na capital do Estado con cargas policiais.
Entre os líderes políticos continúa o desconcerto.
Despois da comparecencia no Parlamento catalán, pola tarde houbo máis encontros entre líderes políticos cataláns e Torra enviou unha carta a Pedro Sánchez advertíndolle que non lle dea “lección de condenar a violencia”. Outros líderes políticos decidiron sumarse as concentracións cidadás. O cabeza de lista de ERC no Congreso español, Gabriel Rufián, apareceu no paseo de Lluís Companys de Barcelona cando remataba a manifestación convocada polos CDR e a CUP. Rufián tivo que escoitar berros: "Vostede é a nova Converxencia!" e "Fóra!".
Pasadas as dez da noite, La Vanguardia informou de que os CDR levantaran os cortes que afectaban á AP-7 e á N-340, e de que en Tarragona e Lleida a xente nas rúas estaba tranquila malia presenza policial, mentres que en Girona había incidentes pola orde de levar á cadea a unha persoa detida durante o día.
Ao peche, o mesmo xornal advertía que a noite non ía ser tan tranquila como o día en Barcelona. “Primeiras barricadas no centro”, informaba a edición dixital.