Catalunya: ERC gañaría as eleccións e o independentismo superaría 50% de apoios

Unha sesión do Parlament de Catalunya (Parlament de Catalunya)
photo_camera Unha sesión do Parlament de Catalunya (Foto: Parlament de Catalunya)

Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) gañaría as eleccións ao Parlamento catalán por primeira vez e comodamente e podería elixir entre JxCat e o PSC para formar goberno, segundo os resultados dunha enquisa do Feedback Institute para ElNacional.cat sobre o escenario político catalán.

Ao mesmo tempo, a actual maioría do bloque independentista (ERC, JxCat e a CUP) ampliaríase e por primeira vez superaría 50% dos votos.

Se as eleccións fosen agora, ERC atinxiría a primeira posición con 41-42 escanos e a segunda sería disputada por JxCat, con 28, e o PSC, con 26-28. A CUP conseguiría 8 representantes e En Comú Podem, 7.

Ciutadans, que foi a forza líder en escanos nas eleccións do 21-D de 2017, caería até 12-13. O PP subiría, con 6, e Vox iría á Cámara catalá con 5 cadeiras.

A enquisa baséase nunha mostra de 800 enquisas telefónicas realizadas entre o 29 de xuño e o 2 de xullo e prevé unha marxe de erro de 3,54%.

A sondaxe mostra unha previsión de indecisos de 50,5%. O motivo non é outro que a extrema incerteza que sobrevoa o calendario electoral: as eleccións poderían ser convocadas xa no outono.


 

Comentarios