Cando menos 16 persoas morreron e 16 resultaron feridas ao desencarrilar o elevador da Glória, en Lisboa
O Goberno portugués decretou un día de loito nacional, esta quinta feira, 4 de setembro.
O elevador da Glória, en Lisboa, desencarrilou na tarde desta cuarta feira. O vehículo, que pode chegar a transportar até 43 persoas, quedou desfeito ao chocar contra un edificio e cando menos 16 persoas perderon a vida no accidente.
O vehículo, unha das principais atraccións turísticas da capital lusa, envorcou na costa que subía no centro da cidade, próxima á avenida da Liberdade. O elevador conecta a praza dos Restauradores co Bairro Alto e o mirador de São Pedro de Alcântara.
⚡️Higher quality footage of the derailment of Lisbon's iconic Gloria Funicular, also known as the Elevador Da Glória. https://t.co/ftjbwKoOrL pic.twitter.com/rd0TVGNdC3
— The World Times (@worldtimes4u) September 3, 2025
O presidente da República emitiu un comunicado sobre o accidente, indicando que houbo máis dunha vítima mortal. Marcelo Rebelo da Sousa "lamenta profundamente o accidente ocorrido esta tarde co funicular da Glória en Lisboa, en particular as vítimas mortais e os feridos graves, así como os varios feridos leves". Na mesma declaración, o Presidente afirma que espera que "o incidente sexa esclarecido rapidamente polas autoridades competentes".
Existen cando menos 16 vítimas mortais, confirmaron o alcalde de Lisboa, Carlos Moedas, e o Comando Metropolitano da Polícia de Segurança Pública (PSP) de Lisboa, e 16 persoas feridas, varias delas de gravidade, segundo informou a directora de Protección Civil, Margarida Castro Martins. Efectivos do INEM traballan na zona.
O alcalde lamentou que “Lisboa está de loito” e cualificou o acontecido como “gravísimo”: “É unha traxedia que nunca acontecera na nosa cidade”.
O accidente tivo lugar minutos antes das 18 horas (19 horas na Galiza), debido a un cable que se atopaba solto. Os Bombeiros despregaron máis de unha vintena de vehículos terrestres e 62 efectivos, mentres que a Policía Xudicial acudiu ao lugar para investigar os feitos e axudar na identificación das vítimas, segundo informou a cadena de televisión RTP.
Un día de loito nacional
O Goberno portugués decretou un día de loito nacional, esta quinta feira, 4 de setembro.
“Um trágico acidente ocorrido com o Ascensor da Glória, no concelho de Lisboa, no dia 3 de Setembro de 2025, provocou a perda irreparável de vidas humanas, que enlutou as respectivas famílias e consternou o país. O Governo decide declarar um dia de luto nacional, como manifestação de pesar e solidariedade do povo português. Assim: é declarado o luto nacional no dia 4 de Setembro de 2025”, recolle o decreto aprobado polo Consello de Ministros.
Luís Montenegro, primeiro ministro luso, tería cancelado parte da súa axenda para esta quinta feira, mantendo unicamente a xuntanza do Consello de Ministros e a súa participación telemática no encontro de líderes da Coligação da Boa Vontade, sobre Ucraína.