A candidata apoiada polo Sinn Féin alcanza a presidencia de Irlanda
Catherine Connolly, candidata independente apoiada polo Sinn Féin é a nova presidenta de Irlanda tras vencer nunhas eleccións ás que concorreu baixo un programa nacionalista e antiimperialista.
O reconto das eleccións desenvolvidas na xornada da sexta feira rematou este domingo outorgándolle a Catherine Connolly o 63% dos sufraxios, nuns comicios onde se impuxo aos dous candidatos do bipartidismo, Heather Humphreys do Fine Gael e Jim Gavin do Fianna Fáil.
A vitoria de Connolly respondeu, segundo a maioría dos analistas, ao malestar de amplas capas da poboación coas políticas dos partidos do réxime, Fine Gael e Fianna Fáil, á poderosa estrutura organizativa e social dos nacionalistas do Sinn Féin e a un programa patriótico e antiimperialista capaz de mobilizar aos sectores populares.
A reunificación de Irlanda
Connolly, que amosou na campaña un completo coñecemento do irlandés que empregou en diversos actos públicos, situou "a reunificación da illa" como "un desenlace obvio" do proceso político no norte e no sur de Irlanda. Na mesma liña, reclamou "confianza na nosa propia identidade".
"Quero unha república da que podamos estar orgullosos os irlandeses, na que non se normalice a desigualdade, nin as listas de espera para operacións nos hospitais, nin a discriminación, nin a xente sen teito", asegurou de xeito reiterado Connolly durante a campaña.
Un das súas ideas forzas durante este proceso electoral foi formular un modelo de desenvolvemento alternativo para a sociedade irlandesa que recolle parte das demandas da socialdemocracia do século pasado.
Un programa antiimperialista
A alternativa defendida por Connolly emparenta coas posicións antiimperialistas. Neste punto, presentouse como "unha voz para a paz, unha voz que forxará unha política de neutralidade".
Connolly manifestou durante a campaña o seu rexeitamento á OTAN e ás políticas de rearmamento dos Estados da Unión Europea, acusando a Alemaña de repetir as mesmas políticas que aplicou nos anos 30.
A candidata apoiada polo Sinn Féin denunciou o xenocidio cometido polo sionismo en Gaza, asegurou que "Hamas forma parte do tecido do pobo palestino" e criticou o apoio de Estados Unidos e a Unión Europea ao novo Goberno de Siria.