Os Brics condenan a guerra arancelaria mentres Trump ameaza quen se aliñe con eles con novas taxas ao comercio

Donald Trump no cume da OTAN na Haia o pasado 25 de xuño. (Foto: Martijn Beekman / NATO / dpa)
O inquilino da Casa Branca lanzou o seu anuncio ao tempo que decorre no Río de Janeiro da 17ª cimeira dos Brics, cuxos líderes condenaron, pola súa parte, as sancións e os aranceis empregados polos Estados Unidos de América como ferramenta política.

O presidente dos EUA, Donald Trump, anunciou este domingo que imporá un arancel adicional de 10% aos estados que apoien as políticas dos Brics. "Calquera país que se aliñe coas políticas antiamericanas dos Brics deberá pagar un arancel adicional de 10%. Non haberá excepcións a esta política", escribiu o mandatario.

O inquilino da Casa Branca lanzou o seu anuncio ao tempo que decorre no Río de Janeiro da 17ª cimeira dos Brics, cuxos líderes condenaron, pola súa parte, as sancións e os aranceis empregados polos Estados Unidos de América como ferramenta política.

O proxecto de texto da cimeira liderada polo presidente brasileiro Luiz Inácio Lula da Silva, que en ningún momento nomea Trump, di: "Expresamos a nosa seria preocupación polo aumento de medidas arancelarias e non arancelarias unilaterais que distorcen o comercio e son inconsistentes coas regras da Organización Mundial do Comercio".

O Goberno da China recalcou esta segunda feira que os Brics non buscan unha "confrontación" cos Estados Unidos despois de que o presidente estadounidense ameazase con impor uns aranceis adicionais de 10% aos estados que se aliñen co bloque.

Nunha intervención por videoconferencia durante a sesión plenaria do evento, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, fixo fincapé na transformación da orde internacional cara a un sistema de multipolaridade. "Todos vemos que se están producindo cambios radicais no mundo. Está a quedar no pasado o sistema unipolar de relacións internacionais, que servía aos intereses dos chamados 'mil millóns de ouro'. Está a substituílo unha orde máis xusta e multipolar", declarou.

Pola súa parte, o ministro de Asuntos Exteriores de Rusia, Serguéi Lavrov, destacou no seu discurso durante a cimeira a importancia da multipolaridade no mundo actual. "Non é unha elección, senón unha realidade obxectiva" que substitúe o modelo neoliberal anticuado baseado en prácticas neocoloniais, recalcou.

Non é a primeira vez que o mandatario estadounidense formula ameazas contra os Brics. En xaneiro deste ano, Trump declarou que os estados do bloque económico enfrontaranse a aranceis de 100% se non apoian o dólar e buscan impor unha nova moeda. Esta mesma idea xa a expresara en novembro de 2024.

Aranceis o 1 de agosto

Ademais, o secretario de Comercio dos EUA, Howard Lutnick, confirmou que os aranceis por estados entrarán en vigor o próximo 1 de agosto, no que pareceu un para os socios dos Estados Unidos. "Os aranceis entran en vigor o 1 de agosto, mais o presidente está estabelecendo as tarifas e os acordos neste momento", sinalou en referencia a Trump.

Pola súa parte, o secretario do Tesouro, Scott Bessent, asegurou este domingo que "as próximas 72 horas van ser axitadas". "Nas cartas diremos (aos estados) que se vostedes non aceleran a situación, o 1 de agosto volverán ao seu nivel arancelario do 2 de abril", culminou o secretario de Comercio dos EUA.