BNG, ERC e EH Bildu reclaman ao Goberno español que faga efectivo o embargo de armas a Israel

As tres formacións exixen a comparecencia en Pleno de Albares e Robles para que expliquen por que o executivo incumpre os compromisos adquiridos e mantén relacións con Tel Aviv en plena ofensiva sobre Gaza.

Oeste da Cidade de Gaza o 9 de agosto de 2025. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)
Oeste da Cidade de Gaza o 9 de agosto de 2025. (Foto: Rizek Abdeljawad / Europa Press / Contacto)

BNG, ERC e EH Bildu intensifican a presión sobre o Goberno español a propósito da súa política respecto de Israel. As tres forzas rexistraron no Congreso unha petición de comparecencia urxente do ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, e da ministra de Defensa, Margarita Robles, para dar conta do incumprimento dos compromisos adquiridos en materia de embargo de armas.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciara o pasado 8 de setembro que España suspendería a venda de armamento a Israel, un paso que o Congreso xa apoiara en maio deste mesmo ano. Porén, os grupos denunciantes aseguran que non se produciron avances reais e que, de feito, durante 2025 mantívose a compravenda de material bélico con Tel Aviv.

A iniciativa, asinada por Gabriel Rufián (ERC), Néstor Rego (BNG) e Francesc-Marc Álvaro (ERC), tamén solicita explicacións de por que o Estado español continúa mantendo relacións diplomáticas, económicas e culturais co Estado israelí, ao tempo que a ONU xa recoñeceu a existencia dun xenocidio contra o pobo palestino.

Desde estas formacións consideran que o Goberno debe dar pasos firmes e coherentes, abandonando a ambigüidade e adoptando medidas efectivas para a protección dos dereitos da poboación palestina. A petición foi rexistrada esta cuarta feira, 17 de setembro, e quedará agora pendente de ser incluída na orde do día da Cámara.

Comentarios