EH Bildu celebra en Iruñea o Aberri Eguna reclamando "paz, democracia e soberanía"
EH Bildu celebra hoxe en Iruñea o Aberri Eguna 2022 -Día da Patria- baixo o lema "Euskal errepublika. Bakea, Burujabetza, Demokrazia (República vasca. Paz, soberanía, democracia)".
O acto central será unha manifestación que partirá ás 12 horas desde os cinemas Golem e que finalizará no Paseo Sarasate, onde intervirá o coordinador de EH Bildu, Arnaldo Otegi; o portavoz da coalición no Concello de Iruñea, Joseba Asiron; e a secretaria de mocidades de EH Bildu, Izar Hernando.
Convidados da Galiza, Catalunya...
Contará, ademais, coa participación de representantes de ERC, BNG, CUP, Junts per Cat, Esquerra Valenciana, Més Mallorca, Més Menorca, Andecha Astur e Puyalón de Cuchas.
Mediante o Aberri Eguna deste ano, EH Bildu pretende trasladar á sociedade que "a pesar dos diferentes intentos que houbo por eliminar Euskal Herria, o pobo vasco segue moi vivo". Á súa vez, reclamará en Iruñea "paz, democracia e soberanía".
"Tras a demostración durante a pandemia da falta de soberanía para xestionar os problemas do día a día, afondar na paz e a democracia é máis imprescindíbel que nunca ante a situación actual de guerra e o ascenso a nivel mundial do autoritarismo", defendeu a coalición.