Simboloxía fascista e cartaces en prol de ''outra ditadura'' na manifestación da AVT que o PP secundou
Polo menos oito dirixentes da formación conservadora fixeron parte dun protesto que fora convocado contra si propi@s e a decisión de acatar a sentenza de Estrasburgo que derroga a aplicación retroactiva da doutrina Parot. Na manifestación recibiron apupos por "traidores" e "pouco patriotas".
Esperanza Aguirre, Ignacio González, Carlos Floriano, Javier Arenas, Esteban González Pons, Iñaki Oyarzábal, Arantza Quiroga e Ana Botella. Son @s militantes do PP que este domingo representaron esta formación política nunha mobilización que a AVT --Asociación de vítimas do terrorismo-- convocara contra el@s propi@s, o Goberno español, e contra a súa decisión de acatar a sentenza do Tribunal de dereitos humanos de Estrasburgo en que bota abaixo a doutrina Parot cando se queira aplicar de maneira retroactiva.
Volvamos á mobilización deste domingo en Madrid, onde Ana Botella aplaudiu os berros de "traidores" proferidos contra o seu propio partido e onde se viron bandeiras españolas pre-constitucionais e cartaces que defendían que "outra ditadura" sería "mellor que esta democracia". Tampouco faltaron os saúdos fascistas. Cómpre lembrar que quen se manifestaban son "as vítimas" do lado das cales o PP dixo que "ten que estar o Goberno".
"Non aceptamos ningunha lección", sinalou a presidenta da AVT, Ángeles Pedraza, namentres nos arredores da sede do PP, na rúa Génova, aplaudíanse frases como "queremos unha dereita de verdade" ou "xa non hai patriotas". Desta volta non houbo o discurso de Rajoy que deu en 2007 para pechar o acto. De feito, ninguén do PP subiu á palestra.
"Rajoy, marioneta, te va a votar ETA", berrábanlles. Desde o micro Ángeles Pedraza reclamaba "o dereito das vítimas a se proclamaren vencedoras", reiterando para o conflito vasco a idea dun final de 'vencedor@s' e 'vencid@s' que en rigor só se produce nun tipo de conflito: as guerras. Críticas tamén para a xustiza: "Que fixo a Audiencia Nacional?", preguntou Pedraza antes de concluír a súa intervención. As e os manifestantes responderon cun sonoro e previsíbel "nada!".
E, namentres, na páxina web do PP aparecía isto: