A (i)legalidade da doutrina Parot,
vista para sentenza

[Imaxes: SG]

O Tribunal europeo dos dereitos humanos dará a coñecer esta segunda feira, 21 de outubro, a súa sentenza sobre o endurecemento das penas adoptado polo Tribunal Supremo en 2006 e que afecta fundamentalmente as persoas condenadas por delitos de terrorismo.

 

Imos analizar quen moveu os primeiros fíos para a aprobación da chamada doutrina Parot--que non foi o PP--, que excarceración acendeu as alarmas --que non foi a de Unai Parot--, que consecuencias carrexa e quen vería satisfeita a súa condena se Estrasburgo falla contra a doutrina, entre el@s unha militante do Exército Guerrilheiro.

Estabelecida en 2006 polo Tribunal Supremo, foi en 2004 cando o Goberno español, en mans do PSOE desde as eleccións xerais do 17 de abril, comezou a mover os primeiros fíos para impedir que ficasen ceibas as persoas condenadas por delitos de terrorismo, en aplicación do Código penal de 1973 e que xa cumpriran os anos de cadea impostos. Mais vaiamos paso a paso.

Que aconteceu en 2004?

Foi daquela cando se soubo que o membro de ETA Iñaki de Juana Chaos abandonaría o cárcere ao ano seguinte, en 2005, após 18 anos preso. Os beneficios penitenciarios contemplados na norma penal franquista permitíanlle acceder ao cumprimento da condena en terceiro grao, isto é, en réxime de semil-iberdade.

De Juana Chaos, detido en 1987, foi xulgado por primeira vez en 1989 co Código Penal vixente: o de 1973. A Audiencia Nacional condenouno daquela a 3.129 anos de cárcere polos asasinatos de doce gardas civís na praza da República Dominicana en Madrid, aos que se foron sumando penas por máis atentados até superar os tres milenios de prisión.

En virtude do CP de 1973 eran 30 ano o tempo máximo que unha persoa condenada podía ficar no cárcere. Sobre eses 30 anos aplicábase un beneficio penal que ficou abolido no Código penal de 1995: a redención de penas polo traballo. Dous días traballados equivalían a un día menos de condena. 

Que é a doutrina Parot e como funciona? Henri Parot e os 4.800 anos de prisión

A redención de penas polo traballo aplícase hoxe unicamente a condenad@s en aplicación do código franquista. No caso dos delitos de "terrorismo", corresponde con aqueles cometidos entre 1977 e 1995. Para evitar a posta en liberdade dest@s pres@s, nomeadamente a de De Juana, o PSOE ordenou en 2005 a revisión de todos os expedientes.

Porén, non foi até 2006 cando o Tribunal Supremo aproveitou un recurso do membro de ETA Henri Parot, 'Unai', para negarlle a liberdade na sentenza 197/2006, coñecida como 'doutrina Parot'. Argumentou o Supremo que, malia que gozaba aínda da redención de penas polo traballo de 1973, de aquí en diante este beneficio descontaríase non do tempo máximo de cumprimento --30 anos co CP franquista--, senón do total da condena. Arrestado en 1990, contra el ditaronse 26 sentenzas que sumaron perto de 4.800 anos de prisión. 

E a De Juana? Aplicóuselle a doutrina Parot?

Non. A sentenza do Supremo chegou uns meses máis tarde. Con todo, non foi tampouco excarcerado en 2005. Cando debía acceder ao terceiro grao, o ministerio de Xustiza, daquela dirixido por Fernando López Aguilar (PSOE), presentou contra el "un cargo adicional" que o mantivo en prisión. Nun primeiro momento, era prisión preventiva namentres se investigaba se había "ameazas" e "enaltecemento" en dous artigos de opinión publicados no diario Gara.

Pedíanlle 96 anos de cadea e impuxéronlle 12 anos e sete meses por "ameazas", coa agravante de reincidencia. Segundo a sentenza do Tribunal Supremo, as ameazas ficarían contidas neste parágrafo: “Hai anos escoiteille a un moi prezado compañeiro berrar con forza ‘sacade as vosas mans suxas de Euskal Herria'. Si, sacádeas, porque outro camiño só implica máis sufrimento! Ou o futuro terminará demostrando que quedastes sen elas”. 

Palabras semellantes aparecían no libro 'Egunak' --'Días', na tradución do euskera ao galego-- onde o membro de ETA narra "a guerra por Euskal Herría" e polo cal o Goberno Aznar lle descontara 350 días da primeira condena.

Segundo un cable publicado por Wikileaks, o que en 2005 era titular de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, recoñeceu que López Aguilar "presentara un cargo adicional pouco claro e de méritos pouco sólidos para evitar que un asasino convicto saíse do cárcere". O propio López Aguilar tiña recoñecido publicamente a súa vontade de "crear imputacións" para evitar a liberdade dos e das presas vascas. De Juana Chaos ficou ceibo en agosto de 2008. 

Por que Estrasburgo vai decidir sobre a (i)legalidade desta Doutrina?

O certo é que o Tribunal de dereitos humanos de Estrasburgo xa se pronunciou a respeito da doutrina Parot. E fíxoo de maneira contundente nunha sentenza ditada en xullo de 2012 cando condenou o Estado español a lle pagar 30.000 euros á integrante de ETA Inés del Río e a deixala ceiba "no prazo máis breve", xa que mantela na cadea "vulnera os seus dereitos" e "é irregular". 

Dixo Estrasburgo nesa sentenza que a doutrina Parot é ilegal?

Non. A "irregularidade" na aplicación deste endurecemento das penas veu sinalada polo Tribunal polo carácter retroactivo que ten. É dicir, a doutrina aprobouse en 2006 e viría modificar a lexislación penal vixente, o CP de 1995, non o de 1973. Lembremos que unha reforma practicada en 2003 polo Goberno Aznar elevou dos 30 aos 40 anos o tempo máximo de condena en prisión.

"Non se pode aplicar retroactivamente e en detrimento do penado o espírito dos cambios lexislativos realizados despois da comisión da infracción", sinala a sentenza de xullo. Inés del Río facía parte do 'comando Madrid' de ETA canda De Juana Chaos. Foi detida en 1988 e condenada a 3.191 anos de cárcere, a meirande parte deles pola acción contra un comboio da garda civil na praza da República Dominicana de Madrid en 1986. Nela morreron 12 axentes do corpo armado español.

Mes e medio antes da súa saída en liberdade, fixada para o 2 de xullo de 2008 --após reducírenlle dez anos por traballo, dos 30 que o CP de 1973 fixaba como máximo de cumprimento-- a Audiencia Nacional española aplicoulle a doutrina Parot e demorou a súa excarceración até 2017. Estrasburgo botou abaixo esta decisión.

Acatou o Goberno español a resolución do Tribunal?

Non. Presentou un recurso que se traduciu nunha vista realizada en marzo de 2013 e da cal sairá a sentenza desta segunda feira, onde a Gran Sala decidirá se a doutrina Parot respecta o Convenio europeo dos dereitos humanos de 1950. Durante aquela vista, a defensa de Inés del Río fixo fincapé na aplicación retroactiva da norma, namentres @s representantes legais do Goberno español responderon cunha pregunta: "é o mesmo un asasinato que 132?"

O presidente do Executivo español, Mariano Rajoy, reivindicou a doutrina Parot aínda este 14 de outubro no Congreso en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do PNV Aitor Esteban. Quería saber se Rajoy maquina en "non acatar" a resolución de Estrasburgo e Rajoy deu a entender o que fará ao sinalar que a sentenza 196/2006 ditada polo Supremo é "xusta, correcta e necesaria". Aliás, o ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, tamén ten dito xa que "é posíbel facer enxeñaría xurídica", isto é, dar os recoveques que sexan necesarios para evitar que a Parot sexa derrogada.

A cant@s condenad@s se lles aplicou a doutrina Parot?

Segundo os dados facilitados polo ministerio de Interior á imprensa, nos vindeiros meses serían 69 os e as presas por terrorismo que ficarían en liberdade de se pronunciar Estrasburgo, máis unha vez, contra a doutrina. Nunha segunda fase de excarceracións, que abranguería varios anos, sairían do cárcere outras 75 persoas, todas condenadas en aplicación do CP de 1973, polo que xa deberían estar fóra.

Entre el@s hai, polo menos, unha presa galega, Josefa Rodrigues Porca, militante do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive. Xulgada en 1990, foi condenada a 76 anos de cárcere após ser detida en 1989 pola súa vinculación coa acción perpetrada o 1 de febreiro dese ano en Irixoa na cal un garda civil morreu e outro quedou ferido. Foron dez as persoas xulgadas por estes feitos e todas sostiveron que o obxectivo non era matar nin ferir ninguén, senón roubar as armas e os uniformes que vestían os dous axentes da benemérita.


IMAXES: 1) Mobilización de Herrira contra a doutrina Parot. 2) Inés del Río durante o xuízo. 3) Henri Parot, no momento da súa detención en 1988, durante unha manifestación na Franza. 4) Mobilización en Euskal Herria para reclamar o achegamento d@s pres@s vasc@s. 5) De Juana Chaos durante unha entrevista concedida a 'The Times' en 2007 e após tres días en greve de fame. 6) Josefa Rodrigues, nunha imaxe tirada do documentario 'Guerrilheiras'.