Australia decidirá en referendo se modifica a constitución para recoñecer os dereitos dos pobos aborixes

A consulta terá que facerse antes de tres anos. A poboación ‘indíxena’ - aborixes australiáns e ‘isleños’ do estreito de Torres- suman máis de 740.000 persoas, 3% do total.

2015040116220577348

En Australia hai por volta de 745.000 persoas ‘indíxenas’, segundo o Grupo Internacional de Traballo Sobre Asuntos Indíxenas (WGIA). Aborixes e pobos indíxenas de Australia sofren "patróns de opresión e racismo, que inclúen a desposesión de terras e os embates contra a súa cultura", segundo denunciou no seu día o o relator especial da ONU, James Anaya.

Estes pobos foron albo, desde a colonización do continente, de matanzas, roubo de terras, discriminación, racismo e represión. Até 1962 a lexislación da Commonwealth non lle deu o dereito a voto. En 1967 aprobouse por referendo dúas emendas á constitución australiana polas que se recoñecía as e os aborixes como cidadáns.  

Agora, o goberno australiano prometeu que antes de tres anos realizará un referendo sobre se modificar a constitución para recoñecer os dereitos dos pobos aborixes. Ken Wyatt, ministro de Asuntos Indíxenas, considera que é necesario “deseñar o modelo correcto para avanzar” como sociedade inclusiva

Máis de 250 líderes de pobos aborixes e isleños do estreito de Torres aprobaron en maio de 2017 a ‘Declaración de Uluru’ que pide a creación dun organismo propio de representación política e un tratado co goberno federal que lles dea competencias sobre aquelas cuestión que afectan estes colectivos.

As e os indíxenas australianos viven nunha porcentaxe moi significativa en situacións de pobreza, cuns ingresos por fogar moi por baixo da media. Ademais, alcoholismo e drogadicción rexistra nesta poboación taxas superiores á media.

A ONU mantén que se demostrou que “a perda das súas terras e recursos tradicionais, así como da súas linguas e culturas, foi catastrófica para os pobos indíxenas australianos e sitúaos entre os grupos sociais máis marxinados e excluídos do mundo”.

Comentarios