Aumentan a cinco as persoas falecidas e a 46 as feridas graves polo atropelo de Magdeburgo
O ministro principal do Estado de Saxonia-Anhalt confirmou que o responsábel é un cidadán saudí, especialista en psiquiatría e psicoterapia de 50 anos de cidade e cun permiso de residencia permanente concedido en 2016.
O atropelo desta sexta feira nun mercado de Nadal da cidade alemá de Magdeburgo, a capital do Estado de Saxonia-Anhalt, a 130 quilómetros de Berlín, deixou xa cinco persoas falecidas e 46 feridas graves, segundo unha información proporcionada por fontes de seguridade á axencia alemá DPA.
Pouco antes, fontes próximas á investigación informaron á radiotelevisión pública alemá ARD de que o atropelo, acontecido á última hora da tarde, cando centos de persoas paseaban polo lugar, deixou máis de 200 persoas feridas, á espera dun novo balance público e oficial.
O chanceler de Alemaña, Olaf Scholz, atópase xa no lugar da traxedia acompañado da ministra do Interior, Nancy Faeser, mentres a investigación continúa profundando nos motivos do autor do atropelo, agora mesmo detido, que arrasou co seu vehículo aos asistentes ao mercado ao longo de 400 metros.
O ministro principal do Estado de Saxonia-Anhalt, Reiner Haseloff, confirmou até o momento que o responsábel é un cidadán saudí. Extraoficialmente, e segundo fontes de seguridade, trátase dun especialista en psiquiatría e psicoterapia de 50 anos de idade cun permiso de residencia permanente porque foi recoñecido como refuxiado en Alemaña en 2016.
As mesmas fontes apuntaban que traballara nun centro penitenciario de Bernburg xestionado polo Estado federado de Saxonia-Anhalt para atender delincuentes adictos e que publicacións en redes sociais apuntan a unha tendencia islamófoba.
En plena investigación, a Policía de Magdeburgo pediu en redes sociais que os usuarios sigan enviando vídeos do ocorrido no mercado natalicio da cidade aos respectivos portais oficiais das autoridades.
O mercado, confirmaron desde a organización, non volverá abrir este Nadal, mentres que os tradicionais mercados de Berlín, así como de cidades como Halle ou Leipzig, permanecerán en situación de alerta e baixo medidas adicionais de seguridade.
Todos os edificios públicos de Saxonia-Anhalt ondearán as súas bandeiras a media hasta en sinal de dó e ás 19 horas haberá unha misa conmemorativa na catedral de Magdeburgo, segundo confirmou a alcaldesa Simone Borris.
