Ascenden a máis de 800 as mortes e a máis de 2.500 as feridas polo terremoto en Afganistán

En Paquistán tamén se rexistraron fortes tremores e sacudidas.
Epicentro do terremoto no leste de Afganistán. (Foto: US Geological)
Epicentro do terremoto no leste de Afganistán. (Foto: US Geological)

O voceiro dos talibán –que gobernan de facto Afganistán–, Zabihullah Mujahid, informou a segunda feira de que como mínimo 812 persoas morreron e 2.700 resultaron feridas polo sismo de magnitude 6 que asolou poucas horas antes o leste do país, adiantando que prevén que este díxito medre.

O leste de Afganistán é unha área montañosa na que moitas persoas viven en comunidades remotas, o que dificulta os traballos de rescate. Os primeiros testemuños relatan a destrución de aldeas polo movemento de terra e o colapso dos centros médicos da zona.

titular da carteira do Interior, Sirajudín Haqani, deu instrucións ás autoridades provinciais para acelerar os labores de procura e rescate nas zonas afectadas, algunhas das cales quedaron illadas polos esvaramento de terra rexistrados polo terremoto, e Mujahid sostivo que os helicópteros lograron chegar a algunhas rexións afectadas, mais a dificultade é maior polas estradas.

O país padece unha crise económica -e de varias dimensións máis- desde a volta dos talibán ao poder en 2021

Segundo as informacións recollidas pola axencia afgá de noticias Jaama Press, o sismo destruíu varias localidades en Kunar e Nangarhar debido a que o hipocentro estivo situado relativamente perto da superficie e ao feito de que moitas das vivendas estaban construídas con pedras e adobe, o que facilitou o seu derrubamento.

Mujahid destacou en redes sociais que as autoridades e as persoas residentes "participan en esforzos de rescate" tras o sismo, que "causou a perda de vidas e danos en propiedades nalgunhas das provincias orientais".

Neste sentido, fixo fincapé en que "hai equipos de apoio de provincias próximas e do centro (do país) que se dirixen xa á zona", antes de prometer que "se utilizarán todos os medios dispoñíbeis para salvar vidas", ante o temor de que a cifra de falecidas e feridas aumente nas próximas horas, unha vez se poida acceder a localidades illadas nestas provincias.

Pola súa parte, a delegación de Nacións Unidas (ONU) en Afganistán mostrou a súa "profunda tristeza" polo "devastador" sismo, que "causou centos de mortos". "Os nosos equipos están sobre o terreo, dando axuda de emerxencia e apoio vital. Os nosos pensamentos están coas comunidades afectadas", destacou en redes sociais.

Tamén a India comunicou que proporcionará axuda e a Unión Europea (UE) sinalou que conta cun equipo no terreo e que está preparada para participar na operación humanitaria, algo que tamén trasladou ás autoridades de Kabul Irán ou Paquistán.

O terremoto tivo lugar ás 23.47 horas (hora local, 21.17 hora da Galiza) con epicentro a 42 quilómetros de Jalalabad, capital de Nangarhar, e unha profundidade de oito quilómetros, segundo indicou o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos (USGC).

Así mesmo, en Paquistán tamén se rexistraron fortes tremores e sacudidas tanto na capital, Islamabad, como noutras zonas do país, aínda que non se confirmaron vítimas nin danos polo momento, segundo destacou a cadea Geo TV.

En 2023 máis dun millar de persoas morreron no país por unha vaga de terremotos, e outro millar faleceu noutro sismo un ano antes.

Comentarios