Arranca o Goberno do Estado co primeiro Consello de Ministras
Oito meses pasaron no Estado español cun Executivo central en funcións. Lonxe quedan xa aqueles comicios xerais de 28 de abril de 2019 que levaron á repetición das urnas no mes de novembro, dada a ausencia de acordos para a conformación de Goberno. Finalmente, e após callar o pacto entre o PSOE e Unidas Podemos, no día de hoxe reúnese por vez primeira o Consello de Ministras e Ministros do Executivo de coalición.
O cumio prodúcese apenas 24 horas despois do acto de toma de posesión das carteiras ministeriais, que decorreu na mañá de onte no Palacio da Zarzuela.
Os nomes das ministras e ministros foran xa comunicados a Filipe VI polo presidente Pedro Sánchez o pasado domingo vía telefónica, e non de maneira presencial na propia residencia real, tal e como viña sendo habitual.
Mais o equipo de Sánchez non só é novidoso por estar conformado por persoas propostas por dúas formacións políticas, senón que tamén o é polo seu tamaño, pois alcanza os 23 membros, entre os que se atopan catro vicepresidencias. Todas elas tomaron posesión onte ante o rei, nun acto sen simboloxía relixiosa e coa man pousada sobre a Constitución española.
A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.