VÍDEO

Apuñalan no pescozo o líder da oposición de Corea do Sur, Lee Jae Myung

O dirixente político, de 59 anos, está nestes momentos consciente e estábel, se ben existe preocupación pola posibilidade de que sufra máis hemorraxias que agraven a súa situación.
Lee Jae Myung foi trasladado en helicóptero a un hospital próximo. (Foto: YNA / DPA)
photo_camera Lee Jae Myung foi trasladado en helicóptero a un hospital próximo. (Foto: YNA / DPA)

O líder da oposición de Corea do Sur, Lee Jae Myung (Partido Demócrata), foi apuñalado no pescozo esta terza feira cun coitelo durante unha visita á cidade portuaria de Busan, no sueste do país, por motivos que se descoñecen actualmente e que as autoridades están a investigar. Segundo fontes próximas ao caso citadas pola axencia internacional Reuters, Lee está nestes momentos consciente e estábel, se ben existe preocupación pola posibilidade de que o dirixente político, de 59 anos, poida sufrir máis hemorraxias que agraven a súa situación.

Lee foi apuñalado no lado esquerdo do pescozo sobre as 10.27 horas [hora local, equivalente ás 2.27 horas da Galiza] durante unha rolda de prensa con xornalistas. Mentres Lee falaba coa prensa, un home que levaba unha coroa na que se podía ler "Eu son Lee Jae Myung" saltou enriba del para clavarlle un coitelo de entre vinte e trinta centímetros no pescozo.

O xefe da oposición coreana derrubouse inmediatamente e, tras o ataque, foi estabilizado e trasladado en helicóptero a un hospital próximo, mentres que o agresor, un home duns sesenta anos, foi detido no lugar, segundo precisan desde a axencia de noticias surcoreana Yonhap.

O estado de saúde de Lee abre agora unha nova incógnita para o Partido Demócrata ante as eleccións lexislativas convocadas para o vindeiro mes de abril no país. Nas últimas semanas medraron as voces que pedían ao líder da oposición que se poña "do lado do país" nas investigacións xudiciais sobre a súa suposta participación en tramas de corrupción cando era alcalde da cidade de Seongnam e gobernador de Gyeonggi, a provincia máis poboada de Corea do Sur.

Comentarios