Alemaña legaliza desde hoxe o consumo recreativo de cannabis

A nova lei estipula que os adultos de máis de 18 anos poderán levar consigo 25 gramos de marihuana na vía pública, cultivar até 50 gramos e ter tres plantas por adulto no seu domicilio.

O consumo de cannabis é máis frecuente entre os homes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O consumo de cannabis é máis frecuente entre os homes. (Foto: Nós Diario)

Alemaña legaliza a partir de hoxe, 1 de abril, o consumo recreativo de cannabis, unha medida que se aprobou coa oposición de conservadores e diversos estamentos sociais. A nova lei estipula que as persoas adultas de máis de 18 anos poderán levar consigo 25 gramos de marihuana na vía pública, cultivar até 50 gramos e ter tres plantas por adulto no seu domicilio.

Esta reforma sitúa Alemaña entre os países máis permisivos co cannabis en Europa, xunto con Malta e Luxemburgo, que legalizaron o consumo recreativo en 2021 e 2023, respectivamente.

Aínda que a lei entra en vigor este luns, os consumidores terán que esperar tres meses para comprar legalmente marihuana en "clubs sociais de cannabis". Antes de xullo, a compra de cannabis seguirá sendo ilegal, explicou Georg Wurth, director da Asociación Alemá de Cannabis.

Segundo a lei, os clubs de cannabis poderán ter un máximo de 500 membros e distribuír 50 gramos mensuais de cannabis por afiliado.

O Goberno do chanceler Olaf Scholz, socialista aliado con liberais e Verdes, argumenta que a legalización vai axudar a conter o aumento do mercado negro desta substancia. Mais organizacións da saúde advertiron de que a legalización pode provocar un aumento do consumo entre os mozos.

O Goberno prometeu unha campaña sobre os riscos do consumo, destacou que o cannabis segue estando prohibido para os menores de 18 anos e que está prohibido o consumo a menos de 100 metros de escolas, garderías e prazas de xogo para nenos.

A lei alemá pretende, segundo o Executivo, "reducir o mercado negro, evitar que nenos e mozos consuman cannabis" e previr o consumo de cantidades perigosas de tetrahidrocannabinol (THC), o principal ingrediente psicoactivo do cannabis, explicou a 'Euronews' un portavoz do Ministerio de Sanidade.

Comentarios