Alemaña define como ultradereita AfD e abre a porta á ilegalización

Alice Weidel, durante a súa intervención na convención do seu partido, Alternativa por Alemaña, o 11 de xaneiro de 2025. (Foto: Sebastian Kahnert / dpa)
Reforma UK gaña as parciais en Inglaterra

A Oficina Federal de Protección da Constitución de Alemaña, o servizo de Intelixencia interior, declarou a sexta feira logo dunha investigación de tres anos que Alternativa para Alemaña (AfD), segunda forza no Bundestag, é, “definitivamente”, unha organización de “extrema dereita”.

No ditame dáse por demostrado que atenta contra a orde constitucional do país e menospreza a dignidade humana ao ter como obxectivo “excluír determinados grupos de poboación da participación social en igualdade de condicións”.

A consideración permite ás autoridades vixiar reunións e comunicacións da formación, e abre a porta á súa ilegalización, despois de que intentos anteriores non tiveran éxito. 

O chanceler Olaf Scholz (Partido Socialdemócrata), que será substituído a comezos da semana que vén polo conservador Friedrich Merz (Unión) no cargo, reclamou “que non hai que precipitarse” no tocante á prohibición do grupo.

Eleccións en Inglaterra

En Inglaterra (Reino Unido), a ultradereita de Reforma UK deu un golpe na mesa nos comicios parciais locais da quinta feira, cuxo reconto proseguía a sexta. 

Das seis alcaldías en xogo dúas foron para a formación, as primeiras que obtén, tres para o Partido Laborista e unha para os conservadores. Asemade, unha vez rematado o escrutinio en 16 dos 23 consellos municipais lograra 476 edís, máis de 200 por diante da segunda formación, o Partido Liberal Demócrata. 

Ao tempo, a ultradereita logrou o seu quinto deputado no Parlamento británico tras vencer a súa candidata por seis votos ao candidato laborista na única circunscrición que se puxo en xogo.