Afganistán denuncia o ataque de Paquistán sobre un hospital e informa dun mínimo de 400 mortes

Forzas afgás no hospital de rehabilitación que foi atacado. (Foto: Samiullah Popal / DPA)
As autoridades de Paquistán negaron que o ataque alcanzase un hospital en Cabul, insistindo en que a súa ofensiva levou a cabo "bombardeos de precisión" contra instalacións militares. A ONU exixe unha investigación "independente" e "transparente".

O Goberno de Afganistán confirmou que polo menos 400 persoas morreron e outras 250 resultaron feridas no bombardeo perpetrado esta segunda feira polo Exército paquistaní contra o Hospital de Tratamento de Adiccións Omid de Cabul, capital de Afganistán, onde os equipos de rescate continuaban esta terza feira tratando de controlar o incendio derivado da explosión.

"Lamentabelmente, o número de mortos ascende até o de agora a 400, mentres que se informou de que outras 250 persoas resultaron feridas", lamentou o portavoz adxunto do Executivo talibán, Hamdulá Fitrat, quen acrecentou que os rescatistas seguían a traballar para "recuperar os corpos das vítimas".

"Como consecuencia do ataque, amplas zonas do hospital quedaron destruídas e existe unha gran preocupación polo elevado número de vítimas", engadiu Fitrat. Na mesma liña, o portavoz principal do Goberno talibán, Zabihulá Muyahid, condenou "enerxicamente" o ataque, afirmando que "vai en contra de todos os principios aceptados" e que "constitúe un crime contra a humanidade".

Pola súa parte, as autoridades de Paquistán negaron que o ataque alcanzase un hospital en Cabul, insistindo en que a súa ofensiva levou a cabo "bombardeos de precisión" contra instalacións militares en Cabul e Nangarhar.

"A infraestrutura de apoio técnico e as instalacións de almacenamento de municións en dous emprazamentos de Cabul quedaron practicamente destruídas. As detonacións secundarias visíbeis tras os ataques indican claramente a presenza de grandes depósitos de municións", sinalou o ministro de Información, Ataulá Tarar, intentando deste modo negar a responsabilidade de Paquistán nas potenciais mortes.

A ONU pide transparencia

Nacións Unidas reclamou esta terza feira unha investigación "independente" e "transparente" sobre a "tráxica explosión" no hospital da capital de Afganistán. "A tráxica explosión rexistrada esta noite nun centro de rehabilitación contra as drogas en Cabul, que segundo informacións dispoñíbeis, deixou decenas de pacientes mortos, debe ser investigada de forma rápida, independente e transparente", afirmou o portavoz da oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Thameen al Kheetan. Neste sentido, subliñou que "os responsábeis deben render contas conforme ás normas internacionais".