Acelérase o éxodo rural: dous terzos do crecemento mundial até o ano 2050 darase nas cidades
Iacarta, a capital de Indonesia, é xa a cidade máis grande do planeta, con 41,9 millóns de habitantes, desbancando a xaponesa Toquio, que no anterior informe, no ano 2000, encabezaba a listaxe. Hoxe, con 33,4 millóns de persoas, é a terceira na lista por baixo de Daca, en Bangladesh, que conta con 36,6 millóns de residentes, indica o World Urbanization Prospects 2025, que vén de facer público o Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da ONU. Este estudo detalla como se está a intensificar o éxodo rural da poboación mundial: até 45% da humanidade vive en cidades, cando en 1950 era o 20%. Neste tempo, a proporción de persoas residindo en pequenas vilas baixou de 40% a 36%, e en comunidades rurais diminuíu á metade, até 19%.
En paralelo, as cualificadas como 'megacidades', con 10 millóns de habitantes ou máis, seguen a crecer, pasando das oito en 1975 ás 33 deste ano –prevese que sexan 37 en 2050, 19 delas localizadas en Asia–. Xa no tocante ao conxunto das cidades, unha “aglomeración continua con como mínimo 1.500 habitantes por quilómetro cadrado e 50.000 persoas”, aumentaron de 5.851 a 12.140 neste tempo.
Após Iacarta, Daca –que se prevé que se converta na urbe máis poboada do mundo a mediados de século– e Toquio, as metrópoles máis grandes son Nova Deli (India), con 30,2 millóns; Shanghai (China), con 29,6 millóns; Guangzhou (China), con 27,6 millóns; O Cairo (Exipto), con 25,6 millóns; Manila (Filipinas), con 24,7 millóns; Calcuta (India), con 22,5 millóns, e Seúl (Corea do Sur), tamén con 22,5 millóns.
Porén, moitas máis persoas desenvolven a súa vida en cidades pequenas ou medianas. 96% de todas as urbes teñen menos dun millón de habitantes, e 81% menos de 250.000 persoas. En todo caso, un dos aspectos que remarca o documento é que “o crecemento da poboación urbana é desigual”, e, aínda que “a maioría das cidades están a medrar”, ao tempo máis de 3.000 perderon residentes na última década.
No futuro, a porcentaxe de persoas en cidades non deixará de incrementarse, pois até 2050 dous terzos do crecemento da poboación mundial –que agora rolda os 8.231 millóns de persoas– provirá delas. Máis da metade deses 986 millóns de persoas vivirán en sete países: a India, Nixeria, Paquistán, a República Democrática do Congo, Exipto, Bangladesh e Etiopía.
Malia que as estimacións destes informes amosaron polo xeral "unha forte correlación positiva" entre grao de urbanización e de desenvolvemento económico, no último reporte abúndase en que na actualidade o grupo de países de ingresos altos inclúe algúns nos que máis de dous terzos da poboación viven nas cidades e outros nos que é menos dun terzo.
As vilas, conectores chave
A respecto das vilas, definidas como poboacións de cando menos 5.000 habitantes e unha densidade de 300 persoas por quilómetro cadrado, o texto incide en que son “críticas para o desenvolvemento sustentábel” e que se desempeñan acotío como “conectores entre áreas rurais e cidades, proporcionando servizos esenciais e apoiando as economías locais”, amais de reducir a “presión das
grandes cidades”.
Até 71 Estados e territorios espallados por todo o mundo teñen máis poboación en vilas –que concentrarán case un terzo do crecemento da poboación mundial até 2050– que en calquera outro tipo de asentamento, como acontece en Alemaña, a India, Uganda Vietnam e os Estados Unidos. Só a India e a China teñen 40% das persoas que residen en vilas.
Pola súa parte, as comunidades rurais predominan en 62 Estados polo de agora, malia que na década de 2040 se estima que alcanzarán o seu pico máximo de poboación, antes de estabilizarse e comezar a descender. Son as máis comúns en Francia, Polonia, Mozambique ou Namibia. Logo de ser a única rexión que rexistrou un "crecemento rural substancial" nas últimas décadas, a África subsahariana achegará a inmensa maioría do crecemento futuro no rural.
No caso do Estado español, 20,7% das persoas moran en comunidades rurais, 27,7% en vilas e 51,6% en cidades, cun total cifrado en 47,89 millóns de persoas.
Unha das conclusións do traballo é que non só crece a poboación mundial e urbana, senón tamén a expansión das zonas construídas, mais de maneira exponencial. Nos últimos 50 anos a construción en novas áreas duplicou o ritmo de incremento da poboación, o que fixo pasar a área construída media por persoa de 43 a 63 m2, un díxito que se elevaría a 74 m2 en 2050 de manterse as tendencias actuais.
En todo caso, este impacto non é equitativo ao longo do mundo, con Europa, América do Norte, Australia e Nova Zelandia á cabeza da relación, con perto de 150 m2 –106 no Estado español–, o dobre da media mundial, arredor de 70, na que se sitúan América Latina e o Caribe. Asia Central e Meridional fecha a listaxe con 33 m2 por habitante.
O documento resolve que até 81% da poboación mundial é urbana, sumando quen viven en cidades e en vilas, precisando que o dato fica por riba do que informan as estatísticas estatais, que reducirían a 58% este número posto que consideran rurais asentamentos que, en base á metodoloxía do Grao de Urbanización posta en práctica pola ONU, son vilas e nalgúns casos até cidades.
Políticas integrais
No estudo tamén se fai énfase en que “cidades, vilas e comunidades rurais están fundamentalmente vinculadas”, apuntando que aproximadamente 60% da terra que se transformou en espazo urbano desde 1970 estaba producindo con anterioridade.
Diante dos retos que presentan as mudanzas na distribución humana, a ONU demanda “políticas que recoñezan os roles únicos de todos os tipos de asentamento”, asegurando que “superar a división urbano-rural precisa investimentos coordinados en transporte, conectividade dixital, infraestrutura e servizos esenciais”, acompañados de “políticas urbanas nacionais que integren vivenda, uso do chan, mobilidade e provisión de servizos”.
Isto abre a porta, subliña o organismo, a un “crecemento urbano máis compacto á vez que se protexen terras agrícolas e ecosistemas naturais”, ademais de garantirse a “dispoñibilidade de servizos esenciais en todos os tipos de asentamento” e darse soporte á “resiliencia rural, que é fundamental para a seguridade alimentaria e á sostibilidade”.