A UE recolle o premio Nobel da Paz entre protestas

A Unión Europea recibe esta segunda feira o premio Nobel da Paz, coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos. Numeros@s intelectuais e organizacións a prol dos dereitos dos pobos e das persoas critican a decisión da Academia sueca.
Caricatura de Kianoush Ramezani
photo_camera Caricatura de Kianoush Ramezani**

Milleiros de persoas concentráronse na cidade de Oslo para denunciaren a entrega do premio a unha organización internacional "cuxas políticas", aseguraban @s manifestantes "están indenciando os países do sur" de Europa. O comercio de armas que nutren os principais conflitos internacionais, o apoio público a ditaduras militares ou a pertenza á OTAN dos seus Estados membros son algunhas das cuestións polas que máis de cincuenta organizacións decidiron percorrer as rúas de Oslo como protesta.

Ao igual que acontecera o pasado ano 2009, cando o galardón fora concedido ao daquela recén eleito presidente dos EUA, Barack Obama, son numerosas as voces que se ergueron contra o recoñecemento da UE pola súa contribución "ao avanzo da paz, a reconciliación, a democracia e os Dereitos Humanos en Europa", como asegurou a Academia sueca que outorga o Nobel. Neste senso, o Consello Mundial da Paz, denunciaba o pasado mes de novembro a "hipocrisía" --aseveraba a súa presidenta, Ilda Figueiredo-- da decisión ao entenderen que a Unión Europea "ten promovido guerras contra as nacións soberanas desde a destrución da antiga Iugoslavia" até a guerra de Libia ou Siria.

Aliás, numeros@s polític@s e intelectuais de todo o mundo lanzaron publicamente as súas dúbidas a respecto da entrega do galardón á UE ao poren en cuestión o compromiso coa paz e os dereitos humanos dunha organización "cuxos países tomaron parte na guerra de Iraq, Afganistán e noutros conflitos", aseguraba entre outr@s o tamén premio Nobel da Paz e activista a prol do dereito de autodeterminación dos pobos, Adolfo Pérez Esquivel, quen asemade exixía o cesamento das "inxerencias militares noutros países" desenvolvidas polos Estados membros da UE.

No entanto, os presidentes da Comisión, o Consello e o Parlamento europeo asistiron á cerimonia de entrega do galardón entrementres loubaron o proceso de integración economómica iniciada na década dos cincuenta que deu lugar ao nacemento das Comunidades europeas. "A UE é a mellor forma de consolidar a paz e a democracia na rexión" aseveraba Durao Barroso aínda que rexeitaba facer declaracións --antes de recoller o premio-- sobre as políticas de austeridade e as consecuencias sociais da xestión que a UE está a desenvolver da crise.

 ** Kianoush Ramezani é caricaturista e debuxante iraní. 

Comentarios