A implicación de Rajoy no escándalo Bárcenas, a noticia máis lida no Financial Times on-line

As principais cabeceiras internacionais recollen a implicación de Rajoy no escándalo Bárcenas.
Capa Financial Times
photo_camera [Imaxe: The Guardian]

O presidente do Goberno español viuse esta quinta feira salferido de maneira directa polos pagamentos en B de Luís Bárcenas. A imprensa internacional fíxose eco da nova e mesmo segue en directo o decorrer dos acontecementos. A figura do popular --cuestionada desde a súa chegada ao poder-- situouse no punto de mira das publicacións máis coñecidas no ámbito global.

BBC, Financial Times --que ve a Rajoy arrastrado pola corrupción, "drawn into corruption"-- The Guardian, Euronews ou Le Monde recollen nos seus portais web a información feita pública esta quinta feira pola que se involucra ao presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, cos pagamentos en B que xestionou o ex-tesoureiro do PP, Luís Bárcenas, durante vinte anos. A imprensa internacional salienta que o escándalo que afecta --amais do partido-- ao líder do executivo, chega nun momento de crise onde as cifras de desemprego ou mesmo a recesión económica pasan factura ao Goberno de Rajoy.

A información publicada polo diario El País puxo ao líder d@s populares na picota e abre unha importante crise que deberá ser xestionada desde Moncloa. Tanto así que a nova de Financial Times continúa a ser a máis lida do día neste medio de comunicación inglés --inda sendo obriga pagar para consultar a información.

Comentarios