73 ex militares envían unha carta ao rei na que asumen o discurso de Vox

Cualifican o actual Goberno de " socialcomunista apoiado por filoetarras e independentistas", un Executivo que pon en perigo a "cohesión nacional"
O rei Felipe VI de Borbón, onte no Palacio Real, presidiu o acto polo 12 de outubro xunto ao Goberno español (Imaxe: Pool / Europa Press)
photo_camera O rei Felipe VI de Borbón, no Palacio Real, presidindo o acto polo 12 de outubro (Foto: Pool / Europa Press)

Até 73  ex mandos do Exército de Terra xubilados enviaron unha carta ao rei Filipe VI en que tachan o actual Goberno de " socialcomunista apoiado por filoetarras e independentistas", un Executivo que pon en perigo a "cohesión nacional". A carta, publicada por El País, envíana compoñentes da  XXIII promoción da Academia Xeral Militar, que asumen o discurso de  Vox.

En concreto, na misiva mostran o seu apoio e lealdade ao monarca “nestes momentos difíciles para a Patria” e aseguran que o Estado español vive unha situación de “deterioración”, na que a “cohesión nacional” corre graves riscos, “tanto na súa vertente política como económica e social”.

A carta está asinada por mandos de diferentes rangos retirados, desde tenentes xerais como José María Fernández- Bastarreche, até xenerais e comandantes xerais como Ángel Gil  Barberá e Francisco Fernández Sánchez.

Os asinantes, segundo o rotativo, ingresaron na academia militar durante o franquismo, en 1964, e superan os 70 anos de idade, polo que son libres para expresarse politicamente “ao recuperar todos os seus dereitos como cidadáns”.

Con todo, a carta subscríbena como militares e lembran que a misiva vai dirixida ao rei español, "quen de acordo á Constitución é o capitán xeral de todos os exércitos". 

A carta dos mandos retirados do Exército de Terra prodúcese poucos días despois de que se coñecese unha misiva similar de xefes xubilados do Exército do Aire. Todos eles pertencían á  XIX promoción da Academia Xeral do Aire, con sede en Murcia.

Discrepancias

Fontes do Ministerio Defensa aseguraron á Ser que "entre os activos do Exército a carta non tivo ningún seguimento". Engadiron ademais que ao único a quen prexudica esta carta é ao rei, a quen os asinantes queren facer cómplice.

O Foro Milicia e Democracia ( FMD), herdeiro da extinta Unión Militar Democrática ( UMD), perseguida pola ditadura franquista, criticou que estes mandos, que supoñen ao redor da metade das súas respectivas promocións, pretendan  arrogarse a representación da súa totalidade, asumindo o discurso político de  Vox. "Unha cousa así sería impensábel en Francia, o Reino Unido ou Alemaña," afirmaron

Comentarios