570 millóns en obras do Goberno de Aznar, baixo sospeita policial

A Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal pide á Audiencia Nacional investigar 23 contratos de cinco ministerios, Adif, Renfe e outros organismos asinados durante o mandato de José María Aznar. Sospéitase que esas adxudicacións, por valor de 570 millóns, poden ter relación con donativos dun construtor ao PP.
O ex presidente do Goberno español, José María Aznar.
photo_camera O ex presidente español, Jose María Aznar, durante unha conferencia en Euskadi en febreiro (Foto: H. Bilbao / Europa)

A Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional enviou un informe ao xuíz da Audiencia Nacional que instrúe a causa da 'Caixa B' do Partido Popular (PP), José de la Mata, pedindo a investigación de máis dunha vintena de contratos por valor de aproximadamente 570 millóns de euros asinados por varios ministerios do Goberno de José María Aznar cun dos doantes do PP entre 2002 e 2004, o empresario Alfonso García Pozuelo.

O informe policial, que ten data de 24 de novembro, propón en concreto a investigación de 23 contratos. 

Alude a operacións de até cinco ministerios e doutros organismos para "achegar elementos indiciarios sobre o obxecto" da investigación.

Para iso solicitan requirir á Secretaría Xeral Técnica ou ao seu equivalente o contido íntegro do expediente administrativo de contratación de cada unha das licitacións que o informe enumera e que corresponden aos ministerios de Fomento, Interior, Defensa, Educación e Medio Ambiente.

Estes departamentos entre outros organismos como a Confederación Hidrográfica do Tello ou do río Guadalquivir, Renfe, Turespaña, a Axencia estatal de administración tributaria (Aeat), a Entidade pública empresarial de solo (Sepes), a Sociedade estatal de infraestruturas e equipamentos penais (Siep), Aena ou  Adif.

A unidade policial sinala no informe que a orixe para pedir estas novas dilixencias está no contido das declaracións prestadas durante as sesións do xuízo oral da coñecida como Época I da Gürtel polo empresario Alfonso García Pozuelo e o xefe da trama, Francisco Correa.

Unha vez máis trátase de comprobar se as anotacións rexistradas na conta de ingresos por doazóns do PP e a súa aplicación en concepto de gastos do partido, cuxo cómputo levaban o ex tesoureiro do partido, Álvaro Lapuerta, e o ex xerente e tamén antigo tesoureiro, Luis Bárcenas, "corresponden a contraprestacións aboadas a cambio da realización de actuacións ante o órgano adxudicador para conseguir que as empresas dos pagadores obtivesen adxudicacións de obra pública".

Comentarios