Supera en 58.000 a cifra de 2016

As 400 mil persoas inscritas anticipan a Diada máis masiva

Non vai ser unha Diada calquera. A mobilización xigante -ninguén dubida que o será- vai percorrer Barcelona días despois de a Fiscalía se querelar contra representantes do poder executivo e lexislativo catalá, os que se acusa de organizar o referendo axendado para o 1-O. Os aparatos do Estado ameazan mesmo coa prisión para Puigdemont e Junqueras -presidente e vicepresidente, respectivamente-, ben como para o resto dos membros do Govern. Todo apunta a que a Diada del Sí será aínda máis masiva do que en anos anteriores. Así o permiten predicir as 400 mil persoas xa inscritas para tomaren parte nela. En 2016, a cifra nas vésperas era de 342.000, 58 mil menos.

Diada 2016 en Barcelona (Foto: Josep Maria Montaner / Naciódigital.cat)
photo_camera Diada 2016 en Barcelona (Foto: Josep Maria Montaner / Naciódigital.cat)

Por volta de 400.000 persoas inscritas, 1.800 autocarros xa confirmados e 900.000 euros recadados para facer fronte solidariamente, a xeito de caixa de resistencia, ás sancións económicas impostas aos responsábeis encausados pola realización do referendo anterior, o de 9 de novembro de 2014. Eses son, grosso modo, os grandes números que manexan as entidades convocantes da baptizada como Diada del Si, a Assemblea Nacional de Catalunya e Òmnium Cultural.

A manifestación desta Diada del Si comezará a partir das 17:14 (non por caso, en 1714 Catalunya perdeu as súas liberdades nacionais ao ser derrotada na chamada Guerra de Sucesión) e a súa organización -ao ser unha concentración de centos de miles de persoas- implica un elevado grao de complexidade. Daí que se optase por abrir un censo de inscrición e por asignar a cada persoa ou grupo inscrito unha zona de ubicación concreta no espazo urbano -basicamente o Passeig de Grácia e o Carrer d'Aragó- en que irá decorrer a marcha.

O percurso da manifestación está dividido en 49 tramos. Neste momento, segundo os últimos dados da organización, está garantida a ocupación de practicamente todos e é previsíbel que haxa un ultrapasamento das expectativos coas inscricións de última hora.

Os responsábeis quer de ANC quer de Òmnium non dubidan que esta Diada del Si -o lema é un claro chamado a votar pola independencia no referendo- será a "máis masiva de todas".

Na manifestación haberá representación da política galega: teñen confirmado a súa presenza Ana Pontón, Rubén Cela e Ana Miranda polo BNG e Luís Villares, Ana SeijaAntón Sánchez por En Marea

Comentarios