330.000 menores de idade sufriron violencia sexual na Igrexa francesa

Misa na Igrexa da Paloma, na cidade de Madrid, o pasado agosto. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
Cando menos 3.000 relixiosos están implicados en casos de pedofilia en Francia, sinala un informe dunha comisión independente feito público esta terza feira, que critica a falta de reacción da Igrexa nunha situación que cualifica de sistémica.

Desde 1950 até o ano 2020, 330.000 menores de idade sufriron abusos sexuais en igrexas, catequeses, escolas católicas e outras institucións relixiosas francesas, segundo recoñeceu un informe publicado esta terza feira pola Comisión Independente sobre os Abusos Sexuais na Igrexa (Ciase nas súas siglas en francés).

Sacerdotes e outros membros da Igrexa están acusados de cometer abusos contra 216.000 menores, mentres que 114.000 menores padeceron os delitos de persoal laico a cargo da comunidade cristiá.

O presidente da Ciase, Jean-Marc Sauvé, cuantificou que entre 2.900 e 3.200 relixiosos cometeron crimes pedófilos nestas sete décadas. Malia isto, matizou que os cálculos son “unha estimación mínima“, grazas aos testemuños e ao traballo de investigación en arquivos eclesiásticos, documentos xudiciais, da Policía e da prensa.

Asemade, Sauvé salientou que a Igrexa católica “cando foi informada, non tomou as medidas estritas necesarias para protexer as crianzas dos depredadores”, nuns abusos sexuais que define como sistémicos, e non froito dunhas “poucas ovellas negras que se desviaron do rabaño”.

No documento, infórmase de que arredor do 80% das vítimas foron homes, así como das consecuencias máis directas destes abusos, “arredor do 60% dos menores de idade que soportaron os ataques sexuais atoparon problemas importantes  na súa vida sexual ou sentimental”, indica.

A Igrexa é a terceira contorna con máis abusos

As indagacións das 22 persoas que conforman o Ciase e que desenvolveron este traballo durante dous anos e medio permitiron desvelar que a Igrexa é o terceiro lugar no que máis violencia sexual contra menores se exerce, só detrás da familia e do círculo de amigos.

Na presentación do informe, Sauvé alertou de que as nenas e nenos tiñan máis posibilidades de sufrir abusos nas institucións relixiosas que nas escolas públicas ou nos campamentos de verán.

A Ciase colaborou coa axencia demoscópica IFOP nunha enquisa estatal na que participaron 28.000 persoas maiores de 18 anos entre novembro de 2020 e xaneiro de 2021, amais de recompilar datos cunha convocatoria pública de testemuños e cunha enquisa do Instituto Nacional Francés de Saúde e Investigación Médica

Nesta terza feira, a comisión entregou o reporte a Eric de Moulins-Beaufort, presidente da Conferencia de Bispos de Francia, e a Véronique Margron, presidenta da Conferencia de Relixiosas e Relixiosos de Francia.

A pesar da desculpa de Moulins-Beaufort ao recibir o cartafol con 2.500 páxinas, integrantes da Ciase que preferiron manterse no anonimato transmitiron a medios franceses que a publicación do informe ten que ter un efecto palpábel na cobertura que a Igrexa deu aos sacerdotes pedófilos até o de agora, cando máis ao facerse públicos nos últimos anos múltiples casos de abusos sexuais no seo do catolicismo.

Ademais de facer un chamamento ao Estado francés para compensar as vítimas, facendo fincapé naqueles casos que xa prescribiron, a comisión independente fixo 45 recomendacións, principalmente que a Igrexa “recoñeza a súa responsabilidade civil e social”, e maila “penal e civil” dos agresores.

Aliás de apartar as persoas acusadas destes delitos do traballo con crianzas, incide en que as autoridades católicas teñen que deixar claro que o segredo de confesión non cubre estes crimes.