33 millóns de persoas vacinadas a finais de agosto

O Consello de Ministros fai públicas as previsións para a vacinación
O Consello de Ministros depois dos cambios na composición do Executivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O Consello de Ministros despois dos cambios na composición do Executivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

33 millóns de persoas vacinadas, o 70% da poboación do Estado, a finais de agosto. Ese é o obxectivo marcado polo Consello de Ministros no “escenario máis prudente e conservador” anunciou Pedro Sánchez, presidente do Goberno, despois da reunión desta terza feira, 6 de abril, co resto do gabinete.

O presidente do Goberno expuxo o 11 de abril como a data de referencia para que todas as persoas maiores de 80 anos reciban cando menos unha dose, despois chegará a quenda das persoas entre 70 e 79 anos xunto a colectivos de risco como transplantadas, pacientes oncolóxicos, persoas con síndrome de Down ou en hemodiálise. Unha vez vacinadas continuarase coas persoas entre 60 e 69 anos.

A previsión exposta por Sánchez é que haxa 5 millóns de persoas vacinadas o 3 de maio, 10 millóns na primeira semana de xuño, 15 millóns de persoas na segunda semana de xuño e 25 millóns de vacinadas na cuarta semana de xullo.

Nas súas declaracións, o presidente afirmou que entre abril e xuño van chegar ao Estado 38 millóns de doses de distintas vacinas: 5,7 millóns da vacina Janssen de Johnson & Johnson, que é monodose, e o resto de Moderna, AstraZeneca e Pfizer-BioNTech.

Asemade adiantou que unha vez aprobada a vacina CureVac, que está en proceso de revisión pola Axencia Europea do Medicamento, “entre xuño e setembro chegarán 48 millóns de doses”.

Sánchez informou que o 79% das persoas maiores de 80 anos recibiron unha dose, cifra que se reduce até o 44% das persoas vacinada completamente. No que atinxe as residencias ou centros de discapacidade, 98% das persoas foron vacinadas e o 90% xa recibiron a segunda.

Nos datos que ofreceu o Ministerio de Sanidade o 5 de abril a porcentaxe da poboación vacinada no Estado alcanza o 6,11%, se só temos en conta a primeira dose chega ao 18,75%, mentres que aínda quedan case 900.000 vacinas entregadas por aplicar.

Con respecto ao estado de alarma, que entrou en vigor o 25 de outubro de 2020, Sánchez asegurou que quere que remate o 9 de maio, e desde ese intre, que sexa o Consello Interterritorial quen tome as decisións.

Recuperación económica

A situación económica foi outro dos temas que se tocaron durante a rolda de prensa, “o mercado laboral mellora e o FMI actualizou á alza as súas previsións situándonos como a economía desenvolta que máis vai medrar en 2021 xunto a dos Estados Unidos, cun 6,4%” presumiu Sánchez, que evitou mencionar que nos datos ofrecidos polo Fondo Monetario Internacional a caída na economía do Estado tamén foi a maior das “economías avanzadas”, cun retroceso do 11% en 2020.

Na media da Unión Europea, o FMI prevé un crecemento do 5,1% do PIB no 2021 despois da caída de 4,7% no 2020.

Comentarios