10.700 persoas afectadas por atrasos no tren que o ministro de Transportes español cualifica de "sabotaxe"
Como mínimo 10.700 persoas espalladas nunha trintena de trens víronse afectadas pola paralización dos servizos de alta velocidade entre Madrid e Sevilla, no Estado español, que a segunda feira se normalizaron a partir das 17 horas, indicou Renfe, que debullou que a situación se desatou o domingo tras o roubo de cable en cinco puntos da rede na provincia de Toledo e engancharse un tren da compañía Iryo nunha catenaria, os cables que transmiten enerxía ás locomotoras.
O ministro de Transportes, Óscar Puente (PSOE), insistiu en que se trata dunha sabotaxe. “É ao que apuntan as primeiras dilixencias”, aseverou.
Ao tempo, pormenorizou que o roubo foi “de escaso valor, quen o facía sabía o que facía porque non había cámaras e o rédito económico é absolutamente desprezábel fronte aos enormes danos”, apuntando tamén que se produciu durante a volta das persoas que se desprazaran pola ponte do Primeiro de Maio.
A axencia EFE reportou que, citando fontes do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), a reparación foi complexa posto que se efectuaron en paralelo pequenos roubos de cables en distintos puntos da liña, deixando sen sensores as vías, chaves para os sistemas de seguridade.
O líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, criticou as “imaxes impropias” no Estado con “milleiros de españois atrapados en trens de madrugada, sen auga, sen nada”, que ligou co apagamento xeral da segunda feira anterior, e a formación demandou explicacións ao Gabinete.
Sen asistencia básica
Pola súa parte, a Organización de Consumidores e Usuarios denunciou que as persoas afectadas “non recibiron a asistencia básica á que teñen dereito”.