A rebelión dos leais ao rei García
Máis unha entrega de “A Galiza ignorada”, a sección creada para divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas. Nesta ocasión, afondamos na etapa do rei García, cuxo reinado durou só seis anos, de 1065 a 1071, e que é vítima dunha construción historiográfica empeñada en presentalo como un monarca abúlico e sen capacidade. Eis un extracto do publicado no Sermos Galiza 285.
O 22 de marzo de 1090 morría García no castelo de Luna, situado na montaña leonesa de Babia, recibindo sepultura no panteón rexio da catedral de León, estampándose na súa tumba a lenda “Aquí xace o rei García de Portugal e Galiza, fillo do grande rei Fernando que foi capturado polo seu irmán con engano. Morreu preso o 22 de Marzo de 1090”. Atrás ficaba un exilio en Sevilla. Após ser derrotado polas forzas castelás do seu irmán Sancho en 1071, é retido en Burgos, refuxiándose na taifa andaluza, un dos centros culturais máis importantes da península a cuxa fronte se atopaba o rei poeta Al Mutadid. A escolla deste emprazamento emparella coa relación de Sevilla co Reino de Galiza, do que a taifa era tributaria e o seu monarca, amigo de García, manténdose a mesma até practicamente o século XIV, onde o territorio é asociado ao dominios do monarca galego Xoán I. A fins de 1072 ou comezos de 1073 será apresado polo seu irmán Afonso VI, permanecendo encarcerado por perto de dezaoito anos, até o punto de ser representado na tapa do seu sepulcro como un monarca encadeado.
[Podes ler a peza íntegra no Sermos Galiza 285 á venda na loxa e nos quiosques habituais]