A Galiza ignorada

A rebelión dos leais ao rei García

Máis unha entrega de “A Galiza ignorada”, a sección creada para divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas. Nesta ocasión, afondamos na etapa do rei García, cuxo reinado durou só seis anos, de 1065 a 1071, e que é vítima dunha construción historiográfica empeñada en presentalo como un monarca abúlico e sen capacidade. Eis un extracto do publicado no Sermos Galiza 285.

[Imaxe: SG] Panteón Igrexa de San Isidoro de León, onde foi soterrado o rei García.
photo_camera [Imaxe: SG] Panteón igrexa de San Isidoro de León, onde foi soterrado o rei García.

4Non foi o primeiro nin o último rei galego. Arredor de vinte e cinco precedérono no trono e outros oito sucedérono en diferentes etapas até finais do século XIV, sendo o único con este nome no país (o outro García foi rei privativo de León ao tempo que entre nos rexía Ordoño II). Educouse na Galiza, no seu caso baixo a preceptoría ao arcebispo Cresconio, igual que fixera antes a súa nai dona Sancha, o seu irmán Afonso VI, e posteriormente o seu sobriño neto Afonso VII, o emperador formado canda Pedro Froilaz. Gobernou só durante seis anos, no breve intervalo de 1065 a 1071, non acadando polo tanto a súa xestión unha grande significación, nun tempo caracterizado por unha grande inestabilidade política no sur do reino. Será e é mal lembrado, vítima dunha construción historiográfica empeñada en presentalo como un monarca abúlico, sen capacidade, falto de decisión, até facer del unha caricatura que non se corresponde cos dados achegados polas fontes contemporáneas ou pola propia dignidade ao morrer, solicitando ser enterrado cos grillóns que o acompañaron ao longo do seu presidio.

O 22 de marzo de 1090 morría García no castelo de Luna, situado na montaña leonesa de Babia, recibindo sepultura no panteón rexio da catedral de León, estampándose na súa tumba a lenda “Aquí xace o rei García de Portugal e Galiza, fillo do grande rei Fernando que foi capturado polo seu irmán con engano. Morreu preso o 22 de Marzo de 1090”. Atrás ficaba un exilio en Sevilla. Após ser derrotado polas forzas castelás do seu irmán Sancho en 1071, é retido en Burgos, refuxiándose na taifa andaluza, un dos centros culturais máis importantes da península a cuxa fronte se atopaba o rei poeta Al Mutadid. A escolla deste emprazamento emparella coa relación de Sevilla co Reino de Galiza, do que a taifa era tributaria e o seu monarca, amigo de García, manténdose a mesma até practicamente o século XIV, onde o territorio é asociado ao dominios do monarca galego Xoán I. A fins de 1072 ou comezos de 1073 será apresado polo seu irmán Afonso VI, permanecendo encarcerado por perto de dezaoito anos, até o punto de ser representado na tapa do seu sepulcro como un monarca encadeado.

[Podes ler a peza íntegra no Sermos Galiza 285 á venda na loxa e nos quiosques habituais]

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Información do Reino
comentarios