A rebeldía contra Castela das fillas de Pardo de Cela
O asasinato de Pardo de Cela en 1483 por orde dos Reis Católicos non representa a derrota definitiva da rebelión galega contra Castela. As súa fillas Beatriz e Constanza de Castro darán continuidade á loita do pai, non desmerecendo o valor e a perseveranza do seu predecesor. A primeira mantivo a lealdade á causa pola que morreu seu pai coas armas na man até 1487, morrendo a segunda en combate coas forzas castelás no castelo de Caldaloba en 1484. Eis un extracto da información publicada ao respeito no número 326 de Sermos Galiza.
Pedro Pardo de Cela, Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Álvarez de Osorio e o seu neto Rodrigo de Castro simbolizan a oposición galega á política centralizadora dos Reis Católicos. As súas sostidas rebeldías, con diferenzas nas concrecións prácticas, partillan o común denominador de enfrontarse ao proxecto regresivo no nacional e no social representado por Isabel e Fernando pero tamén na defensa do Reino de Galiza como entidade de seu, resistente fronte á absorción que supoñía a imposición do autoritarismo monárquico. Estamos, pois, diante dunha revolta autenticamente nacional, con apoio no conxunto do territorio galego, sen discriminar os ámbitos rurais ou urbanos, popular, isto é, partillada por un igual polo conxunto das clases sociais de Galiza, que se alonga por perto de sete anos e que só puido ser derrotada pola violencia e o terror xeneralizado. Un bo exemplo do que vimos de afirmar atopámolo nos máis de 1.500 galegos que se viron obrigados a exiliarse en Portugal e Bretaña como consecuencia da participación nesta loita, algúns dos cales foron autorizados a volver a Galiza a cambio de loitar coas forzas castelás na conquista de Granada.
[Podes ler a peza íntegra no número 326 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]