Pachi Vázquez di que existe cumplicidade entre Feijóo e Beiras e que ao presidente da Xunta "lle vai moi ben" así

Pachi Vázquez, no Comité nacional

Existe cumplicidade entre AGE e o PSdeG?, perguntou Xabier Ares, director de informativos da Radio Galega. Non, mais ben haina entre Feijóo e Beiras, veu responder Pachi Vázquez, o secretario xeral do PSdG-PSOE.

 

Entrevista ao secretario xeral do PSdeG na Radio Galega e inevitabelmente xorde o asunto do desenvolvimento que está a ter a vida parlamentar nos últimos meses.

Xabier Ares, o director de informativos, pergunta ao dirixente socialista por se o seu grupo político ten cumplicidades con AGE. Pachi Vázquez canea entón ao xornalista e responde que a cumplicidade, de habela, existe máis ben entre Feijóo e Beiras.

Beiras e Feijóo estarían a retroalimentarse, segundo a interpretación do secretario xeral do PSdeG

"Ao presidente da Xunta vaille moi ben con este tipo de plenos [reférese á bronca que está a caracterizar o desenvolvimento das sesións parlamentares desde que comezou a lexislatura] e a alguén vaille moi ben con este tipo de presidente", dixo Pachi Vázquez en clara alusión a Beiras.

Beiras e Feijóo estarían a retroalimentarse, segundo a interpretación do secretario xeral do PSdeG, que non dubidou en sinalar a responsabilidade de certo xornalismo na criación dunha atmosfera de opinión que favorecería aos líderes de PP e AGE. "Hai xornalistas que ven que un Pleno se desenvolve durante un día e medio, mais ao final do que informan é dalgún chascarrillo", dixo.

Avanzou Pachi Vázquez que o PSdeG non "entrará nen nesa diatriba nen nese debate" e manterá un estilo de oposición afastado de atitudes "estrambóticas".

Xulga inxusto que "centos de hora de traballo dos parlamentares fiquen eclipsadas por atitudes que non resolven os problemas de Galiza".