Imputado na Pokemon, o concelleiro Albino Vázquez dáse de baixa no PP
16 de febreiro de 2013 (18:08 h.)
Nova baixa do PP por asuntos de corrupción. Despois de o ex presidente da Deputación de Ourense se desafiliar do partido "provisoriamente", chega a quenda para Albino Vázquez, concelleiro de Seguranza Cidadá.
Albino Vázquez foi prendido a pasada quinta feira en Compostela, nunha nova peza xudicial aberta ao rebufo da operación Pokemon, a baptizada como Operación Manga. A xuíza decretou para el liberdade baixo fianza de 15.000 euros, mas con cargos: suborno, revelación de información privilexiada e tráfego de influencias.
Acompaña a súa baixa no partido coa renuncia aos seus cargos de concelleiro en Santiago de Compostela e deputado provincial do PP.
Quen si ingresará en prisión é o ex concelleiro e man dereita de Conde Roa, Ángel Espadas, ben como o delegado de Aquagest na capital galega, José Luis Míguez.