Feijóo admite facturas por 5.000 euros a empresas de Dorado

Alberto Núñez Feijóo

A Administración galega facturou arredor de 5.000 euros con empresas do narco Dorado durante os tres primeiros anos de goberno Feijóo.

 

Novos dados do caso Feijóo, subministrados neste caso por el mesmo na conferencia de imprensa após o Consello de Ministros.

Feijóo informou hoxe de que a Administración galega, no período 2009-2012, con el como presidente, facturou arredor de 5.000 euros con empresas de Dorado. A esa altura, Dorado xa fora condenado por narcotráfico. Quen fora amigo de Feijóo nos 90 -e que mantivo a relación telefónica no mínimo até o 2003- foi procesado polo xuíz Taín en 2003.

Así o recoñecía o propio presidente da Xunta de Galiza en comparecencia de imprensa. Após o Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo explicaba máis devagar unha das acusacións lanzadas contra os grupos da oposición no debate parlamentar da pasada cuarta feira. O líder do executivo galego daba conta das subvencións e relacións económicas entre a administración galega e as empresas do narcotraficante Marcial Dorado. Neste senso, Feijóo recoñeceu que durante a súa primeira lexislatura á fronte da Xunta, o goberno galego pagara facturas en concepto de servizos prestados a empresas titularidade de Dorado, por valor de 5.000 euros. 

Feijóo recoñece ter pagado 5.000 euros a empresas de Marcial Dorado en facturas pola prestación de servizos á Xunta 

Os pagamentos corresponderían ao período 2009-2012, cando o sonado narcotraficante xa fora condenado e ficaba en prisión. Malia que Alberto Núñez Feijóo procurou sacarlle ferro á revelación argüíndo que non son o mesmo "facturas que subvencións" o certo é que Xunta mantivo unha relación contractual con algunha das empresas de Dorado sendo este xa xulgado e condenado. 

A estratexia do "e ti máis" que Núñez Feijóo tende a empregar cando debe xustificar a súa acción de goberno, dirixiuse nesta ocasión ás subvencións supostamente percibidas polas empresas de Dorado durante o goberno bipartito. Neste senso, o presidente da Xunta asegurou que o narcotraficante tería percibido unha subvención de 125 mil euros "por solidariedade cos danos nas instalacións da súa empresa". Non aclarou máis o líder do executivo mais si aproveitou para acusar á oposición de practicar "a hipocrisía política" ao denunciar o seu suposto coñecemento das actividades delictivas de Dorado e autorizar --segundo Núñez Feijóo-- axudas ás empresas do narco. 

Alberto Núñez Feijóo insistiu en varias ocasións que os datos achegados, após as súas declaracións na comparecencia parlamentar, non tiñan por obxecto "pór en dúbida a legalidade" desas concesións --quer en forma d axudas/subvencións, quer co pagamento de facturas-- senón, dixo,"denunciar" a actitude hipócrita de PSdeG e BNG.

O presidente da Xunta rexeita aclarar o diñeiro percibido por Dorado durante os 16 anos de Goberno Fraga

Ambos os dous grupos parlamentares exixen agora ao presidente da Xunta que presente á Fiscalía a documentación que dá conta dos pagamentos outorgados pola administración ás empresas do narco. Porén, Feijóo retrucou con rentranca "quere o bipartito que o leve á Fiscalía?". 

Nin un só dato da época Fraga

Unha das preguntas máis recorrentes arredor das relacións contractuais entre Marcial Dorado e a Xunta de Galiza correspondía ao período correspondente aos gobernos de Manuel Fraga. Naquela altura en que Feijóo era o segundo nome na consellaría de Sanidade e mantiña unha relación de amizade co narco arousán. Mais o líder do executivo galego rexeitou en varias ocasións responder ás preguntas d@s xornalistas asegurando que todo se sabería no seu momento. "Quere sabelo vostede antes que o Parlamento?" lle inquiría o presidente da Xunta a un xornalista. Pois o certo é que a imprensa quería completar a información feita pública polo propio Núñez Feijóo mais el, deu por concluída a rolda de imprensa. 

"Revisen os vídeos da comparecencia de onte", dicía con sorna o presidente ao tempo que aseguraba "unha segunda comparecencia non me parece oportuna, onte xa respondín a 23 preguntas e elas me remito".