Familiares e vítimas do sinistro de Angrois persoaranse na causa como asociación
Máis dunha trintena de familias das vítimas do accidente ferroviario crean unha asociación para se persoaren na causa xudicial aberta
O seu impulsor, Cristóbal González, foi unha das persoas feridas no accidente. A el sumáronselle máis dunha trintena de vítimas e familiares das persoas falecidas. O seu obxectivo é presentarse como parte no proceso xudicial iniciado con motivo do sinistro que tivo lugar o pasado 24 de xullo.
Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia, González asegura que a decisión de constituír a asociación decorre da situación de desprotección na que se atopan algunhas das persoas que viaxaban no Alvia Madrid-Ferrol. "Coñezo unha muller de 80 anos que ficou sen ninguén que a atenda", apunta, aliás afirma que moitas das vítimas, após a atención sanitaria "quedaron desprotexidas" e teñen que "coller un taxi para ir ao hospital".
Cristóbal considera que "era de agardar" que o xuíz responsabilizase o Estado no accidente a través da imputación dos responsábeis de Renfe e Adif e subliña que "non é razoábel" que a investigación se centrase tan só no maquinista. "Descargar toda a responsabilidade nunha persoa", di, "era desproporcionado".