A CIG desmárcase do acordo de ampliación de horarios entre sindicatos e Abanca

Abanca

A dirección de Abanca chega a un preacordo con UGT, CCOO e Csica na xuntanza que se desenvolveu esta sexta feira do que a CIG se desmarca. Para a CIG vai supor a implantación de horarios flexíbeis e sen controis e mermas das condicións salariais e laborais. 

UGT, CCOO e Csica chegaron a un preacordo coa dirección de Abanca na xuntanza desta sexta feira día 26 de decembro da que só se desmarcou a CIG, que rexeitou os termos dun encontro no que se inclúe a ampliación á tarde da xornada laboral ou a eliminación das aportacións ao plan de xubilación. 

A dirección de Abanca e os tres sindicatos, excepto o nacionalista, chegan a un acordo no que pactan a flexibilización do horario d@s traballadores e traballadoras segundo a regulación de cada unha das oficinas. A dirección consigue desta maneira abrir 188 oficinas en horario de tarde de segunda a quinta feira nas que se atenderá ao público de 8 a 19 horas. A empresa aceptou eliminar a redución de xornada a 800 empregad@s e o despido de 348 que se contemplaban no último ERE. 

Segundo o preacordo teríanse pactado horarios flexíbeis para o persoal de Abanca e sen control, razón que, entre outras, levou á CIG a rexeitar o acordo. Modifícanse tamén os termos salariais, en especial, nos complementos por funcións e no abono do seguro médico que pasará a ser financiado só na metade polo banco, supresión do plus de convenio de maneira provisional ou a eliminación doa aportación ao fondo de pensións.