Galiza perderá 13.000 habitantes ao ano na vindeira década
Galiza terá en 2021 un 4,5% menos de habitantes que agora. Unha queda poboacional de 13.000 persoas ao ano na vindeira década. Así o testemuña a proxección demográfica feita polo INE para o noso país. De 2012 a 2021, o número de defuncións superará ao de nacementos. Aliás, nese período será moito maior a tendencia migratoria de galeg@s que marchan ao estranxeiro que de estranxeir@s que veñen a Galiza
Xa que logo, a progresiva diminución do aumento natural da poboación e o saldo migratorio negativo vai provocar que a poboación residente na Galiza na vindeira década pase dos 2.728.903 habitantes a 2.599.579 no 2022, o que suporía un aumento negativo de 129.324 persoas. Un descenso do 4,7 por cento entre 2012 e 2022. Nese mesmo período, e no conxunto do Estado español, o descenso será só do 2,5%
De cada 10 persoas en idade de traballar habería entre 6 e 7 en idade de non o facer
A perda de poboación, alías, afectará as catro provincias galegas, non só as do interior (Lugo e Ourense), que levan anos a sufrir a tendencia á perda de habitantes.
Dependencia
Outro dato importante desta proxección do INE é o relativo á taxa de dependencia,que estaría pola volta do 65%. Isto é, que de cada 10 persoas en idade de traballar habería entre 6 e 7 potencialmente inactivas (pois teñen menos de 16 anos ou son maiores de 65).
E na proxección do INE a 40 anos vista, e a nivel xa de Estado español, sinálase que esa taxa de dependencia sería do 99%, ou sexa, que por cada persoas en idade de traballar habería outra en idade de non o facer.