Galiza perderá 13.000 habitantes ao ano na vindeira década

As proxeccións de poboación elaboradas polo Instituto Nacional de Estatística para Galiza indican que na vindeira década o aumento será negativo nun 4,5%. Até 2021 o noso país perderá unha media de 13.000 habitantes ao ano, unha diminución que se completa cun panorama de progresivo envellecemento da poboación e fortes vagas de emigración na mocidade
vello

Galiza terá en 2021 un 4,5% menos de habitantes que agora. Unha queda poboacional de 13.000 persoas ao ano na vindeira década. Así o testemuña a proxección demográfica feita polo INE para o noso país. De 2012 a 2021, o número de defuncións superará ao de nacementos. Aliás, nese período será moito maior a tendencia migratoria de galeg@s que marchan ao estranxeiro que de estranxeir@s que veñen a Galiza 

Xa que logo, a progresiva diminución do aumento natural da poboación e o saldo migratorio negativo vai provocar que a poboación residente na Galiza na vindeira década pase dos 2.728.903 habitantes a 2.599.579 no 2022, o que suporía un aumento negativo de 129.324 persoas. Un descenso do 4,7 por cento entre 2012 e 2022. Nese mesmo período, e no conxunto do Estado español, o descenso será do 2,5%

De cada 10 persoas en idade de traballar habería entre 6 e 7 en idade de non o facer

A perda de poboación, alías, afectará as catro provincias galegas, non só as do interior (Lugo e Ourense), que levan anos a sufrir a tendencia á perda de habitantes.

Dependencia

Outro dato importante desta proxección do INE é o relativo á taxa de dependencia,que estaría pola volta do 65%. Isto é, que de cada 10 persoas en idade de traballar habería entre 6 e 7 potencialmente inactivas (pois teñen menos de 16 anos ou son maiores de 65).

E na proxección do INE a 40 anos vista, e a nivel xa de Estado español, sinálase que esa taxa de dependencia sería do 99%, ou sexa, que por cada persoas en idade de traballar habería outra en idade de non o facer.

Comentarios