Os inquéritos a pé de urna apuntan a unha nova maioría absoluta do PP

As previsións de Ipsos e Sondaxe sinalan un descenso acusado do PSdeG e a entrada no Pazo do Hórreo da Alternativa Galega de Esquerda. O BNG vería tamén reducida a súa representación parlamentar. Polo momento inda non se escrutou nin o 1% dos votos emitidos.

As enquisas a pé de urna realizadas polos institutos Ipsos e Sondaxe coinciden en apuntar que o Partido Popular anovaría a súa maioría absoluta e mesmo a podería ampliar.

No inquérito de IPSOS para a TVG, realizado cunha mostra de só 144 mesas sobre un universo de máis de 4000 mesas electorais instaladas no noso páis durante esta xornada electoral, outórganlle unha ampla maioría absoluta ao PP que podería acadar entre 39 e 42 escanos. O PSOE acusaría a maior baixada, quedando con só 18-20 asentos. Alternativa Galega de Esquerda entraría con forza no Pazo do Hórreo con 8-10 deputad@s. O BNG reduciría a súa representación a 7-8 escanos.

Por provincias a Ipsos ofrece as seguintes previsións:

  • Coruña: PP 12-14, PSOE 5-6, BNG 2-3, AGE 3-4
  • Lugo: PP 8-9, PSOE 4, BNG 1, AGE 1-2
  • Ourense: PP 8-9, PSOE 4, BNG 1, AGE 0-1
  • Pontevedra: PP 10-11, PSOE 5-6, BNG 2-3, AGE 3-4

Pola súa banda a enquisa a pé de urna elaboradas por Sondaxe matizan esas previsións. Segundo o instituto demoscópico o PP obería 39 escanos, PSOE 20, BNG 8 e AGE outros 8. De se confirmar as previsións a división do voto da oposición tería facilitado que o PP mantivese unha maioría absoluta que se daba por moi dubidosa ao inicio da campaña. Asemade, ambos sondeos deixan fóra do Parlamento galego a Compromiso por Galicia, UPyD e o partido de Mario Conde, que non lograrían ningún escano. 

A TVG insistiu en explicar que os datos ofrecidos son recollidos nunha enquisa. Os resultados iranse publicando conforme avance o escrutinio que nesta altura inda non atinxe o 1% dos votos emitidos.

Comentarios