Noelia Maceda, da ANPA do Incio: ''Agora loitaremos para que o ano que vén o PP non nos peche a escola''

Esta nai dunha crianza que recibe aulas no rural leva meses mobilizándose contra as políticas de recortes asinadas polo PP, a mesma formación que vén de revalidar a maioría absoluta no Parlamento galego. "As mentalidades no rural son moi difíciles de mudar"
Noelia Maceda
photo_camera Noelia Maceda

Noelia Maceda valora para Sermos Galiza o acontecido nunha xornada electoral en que o PP non só revalidou a maioría absoluta senón que o sistema D'Hondt lle outorgou tres escanos máis no Parlamento. "A sensación que teño é a de que agora estaremos loitando para que o ano que vén non nos pechen o colexio".

Maceda é voceira da Asociación de nais e pais do Incio e mobilizouse coas diversas plataformas que nos últimos meses se constituíron na Galiza en defensa dun ensino público que esmorece. 

O ataque do PP concentrouse sobre todo no rural "onde as mentalidades son moi difíciles de mudar e a mairande parte da poboación é idosa", explicou, se ben recalcou que "os novos, os poucos que somos, berramos e seguiremos berrando que queremos unha educación de calidade e en galego para os nosos fillos".

A súa crianza, unha nena de 4 anos, "non ten dereito a un especialista en Infantil como tería se fose de Mondoñedo ou da Coruña".

Na escola onde recibe aulas hai dúas unidades e tres docentes --especialistas en Inglés, Música e Educación física-- para 22 pequen@s. Se o número de alumn@s se reducise até 18 pasarían a ser unha unitaria, con nove niveis educativos concentrados nunha mesma aula.

"Agora temos moi claro a quen dirixirnos", indicou Noelia Maceda, recordando a renglón seguido a resposta que recibiron do xefe territorial de Educación en Lugo, Xesús Ramos, cando se lle foron queixar pola supresión da única praza de especialista en Infantil: "a decisión está tomada".

Comentarios