Feijóo foxe de Rajoy en campaña

Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo en Pontevedra
O candidato popular e o presidente do goberno español só coincidiron no mitin de Pontevedra. Esta fin de semana Rajoy participou en tres actos en Galiza. En ningún estivo presente Feijóo.

 

Como xa se deixou entrever na precampaña, Feijóo tenta marcar distancias con Rajoy. Procurando esconxurar o “efecto Feijoi” para evitar que o PPdeG sexa castigado electoralmente a consecuencia do maioritario rexeitamento social ás políticas levadas a cabo polo partido desde Madrid. Neste sentido, as declaracións de Feijóo tentando desligar os comicios do 21-O das políticas do goberno central son reiteradas desde hai semanas.

O pasado 22 de setembro os populares ofrecían unha curiosa estampa, cando Rajoy participaba nun encontro con militantes en Ourense mentres ao tempo Feijóo falaba a 175 quilómetros de distancia, na Coruña. Desde que encetou a campaña electoral Feijóo e Rajoy só compartiron escenario unha vez, no mitin de Pontevedra do pasado día 6. A ausencia de Rajoy nun acto na súa cidade natal resultaría inexplicábel.

Aliás, Rajoy non acompañou o candidato popular á Presidencia da Xunta en ningún dos outros actos que o PP realizou neste primeiro treito da campaña en Carballo, Vilagarcía, Compostela, Tui, Ferrol, Foz, O Barco ou A Coruña, en que o protagonista en solitario foi Feijóo, acompañado por outr@s integrantes das candidaturas. Esta mesma fin de semana Rajoy realizou unha incursión electoral en Galiza con actos en Guitiriz, As Nogais e Coruña. En ningún estivo presente Núñez Feijóo.

Contrasta o perfil baixo da participación de Rajoy nesta campaña se se compara coa de 2009, en que o líder estatal do PP fixo parte de máis de 40 actos por toda a xeografía galega. Daquela a imaxe constante era a de Feijóo e Rajoy xuntos. A mesma estampa da cal hoxe semellan fuxir.