BNG e PSOE instan a fiscalía a actuar contra Castelao Bragaña por facer “apoloxía da violencia machista”

Sucédense as reaccións perante as graves declaracións do ex-deputado do PPdeG, José Manuel Castelao Bragaña, en que afirmou que "as leis son como as mulleres, están para ser violadas". Tanto BNG como PSOE coinciden en exixir que a fiscalía actúe considerando que as palabras de Castelao Bragaña fan "apoloxía do terrorismo machista" e piden que Feijóo se posicione. O Partido Popular limitouse a aplaudir a demisión como presidente do Consello xeral da cidadanía española no exterior.


“Non abonda con pedir perdón e demitir, facer apoloxía da violencia machista contra as mulleres é delito”, así de tallante se manifestaba onte Ana Pontón ao se referir ao escándalo polas declaracións do ex-deputado do PPdeG, José Manuel Castelao Bragaña en que afirmaba que “as leis eran como as mulleres, estaban para seren violadas”.

A candidata nacionalista reaccionou onte, nun acto que decorreu en Vigo, elevando deste xeito a petición de responsabilidades contra Castelao Bragaña, horas despois de que se vise obrigado a renunciar ao cargo de presidente do Consello xeral da cidadanía española no exterior, órgano consultivo en asuntos migratorios dependente do ministerio de Emprego.

Piden que a fiscalía actúe

Tamén o PSOE anunciou que porán en coñecemento da fiscalía xeral do estado as declaracións de Castelao Bragaña. O partido socialista pretende que a fiscalía abra unha investigación.

O BNG, no mitin que a fronte nacionalista realiza en Cangas, vén de exixir tamén que a fiscalía “actúe xa” contra o que cualifican de “apoloxía do terrorismo machista”.

O PP limítase a aplaudir a demisión

No Partido Popular optaron por ollaren para outro lado, tentando esquivar unha polémica destas características en plena campaña electoral. Nun dos poucos chíos asinados persoalmente por Alberto Núñez Feijóo en Twitter, o candidato asegurou que: “Lo dicho por el ex Presidente del Consejo Ciudadanía es inadmisible y ha hecho lo que debía al disculparse y dimitir”. Porén, esta resposta áchase insuficiente por parte das forzas da oposición, máxime cando o propio demitido alegou “motivos persoais” á hora de fundamentar a súa saída.

Neste sentido, o nacionalista Carlos Aymerich asegurou nunha entrevista publicada nun xornal galego que o BNG fica á espera de que “Feijóo e o PP” dean explicacións. Petición que o PSOE fai extensiva á ministra Fátima Bañez, xa que o nomeamento de Castelao Bragaña foi proposta súa.